2 de agosto de 2026
A proba, unha clásica xa do circuíto coruñés, terá lugar o domingo 13 de setembro
O Concello traballa nos preparativos necesarios de cara á carreira popular da Volta a Oza, que terá lugar o vindeiro 13 de setembro e abrirá a segunda parte da tempada do circuíto Coruña Corre, un programa municipal que, a través da actividade deportiva ao aire libre, contribúe tamén a dinamizar os barrios da cidade.
Nesta ocasión, Coruña Corre chega ás rúas dos Castros, Eirís e o Castrillón, por onde pasará a maior parte do percorrido da Volta a Oza, unha das probas máis esixentes do circuíto. Serán algo máis de seis quilómetros de trazado, combinando asfalto e sendas de terra a través do parque de San Diego, a avenida da Concordia, os parques de Eirís e Oza e, finalmente, a rolda de Outeiro, para chegar á meta, en San Diego.
"A Volta a Oza xa é un clásico do circuíto e, para moitas e moitos participantes, supón un pequeno reto polo desnivel existente nalgúns treitos. A bo seguro, será unha carreira apaixonante que nos permitirá darlle continuidade ás boas sensacións e ambiente que estamos a palpar ao longo desta tempada", indicou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, que fixo fincapé no compromiso do Goberno de Inés Rey cun programa, Coruña Corre, clave para implicar o conxunto da poboación en actividades orientadas aos hábitos saudables.
As inscricións na proba, que este ano chega á súa XIII edición, xa están habilitadas a través da páxina web de Coruña Corre. O prazo rematará o 6 de setembro.
A Volta a Oza, antesala da carreira popular Coruña10
A Volta a Oza irá seguida, posteriormente, da XX edición da carreira popular Coruña10, que terá lugar tres semanas despois, o 4 de outubro.
"Para moitas e moitos deportistas que se están a iniciar no eido das carreiras populares, o circuíto Coruña Corre é un bo punto de partida para pasar, a continuación, a probas de distancias máis longas, como é precisamente a Coruña10. Por iso, a Volta a Oza tamén suporá un aliciente en termos de preparación para persoas que están a adestrar e a sumar quilómetros para dar este salto", expuxo Manuel Vázquez.
Cómpre lembrar que a Coruña10, que este ano chega á súa XX edición, xa abriu o seu prazo de inscricións e conta, a día de hoxe, con máis dun milleiro de persoas anotadas. A cita contará, ademais, cun atractivo engadido: a participación xa confirmada dun atleta de primeiro nivel como o galego Adrián Ben, que vén de revalidar o título de campión de España nos 1.500 metros.

31 de xullo de 2026

29 de xullo de 2026

29 de xullo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible