Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de marzo de 2024

Aberto o prazo de solicitude para optar ás bolsas do Concello para apoiar ás e aos deportistas coruñeses

O Goberno de Inés Rey destina 120.000 euros á nova convocatoria deste programa municipal, ideado para contribuír economicamente ao desenvolvemento dos adestramentos e competicións dos deportistas

O Concello da Coruña abriu este mércores 6 de marzo o prazo para solicitar as bolsas individuais destinadas ás e aos deportistas coruñeses, unha medida impulsada polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de facilitar o desenvolvemento dos seus adestramentos e competicións, contribuíndo economicamente para sufragar gastos coma os desprazamentos, licenzas federativas e equipamentos.

A presente convocatoria establece que poderán ser beneficiarias as persoas de nacionalidade española que sexan deportistas federados, exclusivamente na modalidade de deporte individual, e que cumpran requisitos diversos. Entre eles, ter unha idade mínima de 10 anos e máxima de 40 anos cumpridos na data do último día do prazo de presentación da solicitude en cuestión.

A este respecto, cómpre lembrar que tamén será preciso que a persoa esté empadroada no termo municipal por un prazo mínimo de dous anos, consecutivos ou non, dentro dos cinco anos anteriores ao exercicio no que se realice a solicitude. Tamén se valorarán aspectos como o arraigamento persoal e profesional para coa cidade. É dicir, que o solicitante nacese na Coruña, vivir ou adestrar regularmente no termo municipal, ou estar matriculado nun centro oficial de estudos na cidade.

"Apostamos por apoiar e promocionar o deporte da nosa cidade. En primeiro lugar, para facilitar o desenvolvemento do talento deportivo coruñés desde idades temperás e, ademais, para abrir camiño á participación das e dos deportistas en competicións que tamén supoñan éxitos para a cidade", apuntou hoxe o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. 

Con esta finalidade, o Goberno de Inés Rey destinará un total de 120.000 euros para sufragar as bolsas para deportistas individuais. No procedemento de solicitudes terase en conta, por exemplo, a participación en competicións como os vindeiros Xogos Olímpicos, Xogos Paralímpicos, Campionatos do Mundo, Campionatos de Europa, Campionatos de España e Campionatos Autonómicos. Desta forma, o importe global distribuirase, sempre que as solicitudes presentadas o permitan, con límites específicos para cada categoría.

Neste sentido, nos pregos da convocatoria estipúlase que o prazo de execución das actividades susceptibles de apoio económico a través deste programa municipal deberán desenvolverse no período comprendido entre o pasado 1 de xaneiro e o 31 de decembro deste ano.

As e os deportistas federados que cumpran os requisitos establecidos e estean interesados en solicitar as bolsas en cuestión xa poden presentar a súa solicitude desde hoxe, a través da sede electrónica do Concello nun prazo de 20 días naturais a contar desde este mércores 6 de marzo.

A información completa pode consultarse no extracto xa publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP), así como na ficha das Bolsas para deportistas individuais - Ano 2024 , habilitada na web do Concello.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión