Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de decembro de 2025

Abre o novo Mercado Municipal de Monte Alto, un espazo totalmente renovado e que aporta calidade urbana e mellores servizos ao barrio

A alcaldesa, Inés Rey, visitou hoxe ás praceiras e praceiros xa instalados no mercado. O Concello leva a cabo un investimento de case dez millóns de euros para modernizar a instalación

O novo mercado municipal de Monte Alto xa é unha realidade. A alcaldesa, Inés Rey, visitou hoxe as instalacións na súa primeira xornada de funcionamento tras completarse os traballos de renovación da praza de abastos impulsados polo Concello, que destina un investimento de case dez millóns de euros á intervención, cofinanciada con fondos PIREP.

A rexedora puxo en valor a "perspectiva de futuro" coa que se afrontou a renovación do mercado, construído nos anos 80 e reformado no ano 2006. "Dende entón, pasaron xa case dúas décadas e era moi importante darlle unha segunda vida, non só para dar resposta ás necesidades actuais das e dos vendedores da praza, senón tamén para anticiparnos ás que poidan xurdir a medio e longo prazo", expuxo Rey.

Esta filosofía vertebrou as actuacións no interior do mercado. Tras as tarefas de demolición e o reforzo das estruturas orixinais, a liña de acción que se seguiu para construír os novos espazos comerciais foi a de habilitar espazos máis diáfanos, con postos de venda máis osixenados, luminosos e visibles con respecto á súa configuración orixinal. Ademais, fíxose fincapé en que o mercado sexa moito máis eficiente e sostible enerxeticamente.

Este cambio tamén é palpable no exterior do mercado, onde se reurbanizou a praza superior e as rúas lindeiras, co obxectivo de gañar accesibilidade, máis seguridade no tránsito peonil e espazos públicos de máis calidade. Isto último supuxo a creación de novas áreas de lecer e a plantación de máis exemplares de arboredo, ata 17 novos.

Dous novos elevadores para gañar accesibilidade

Indo aos datos, a renovación do mercado municipal de Monte Alto e dos seus exteriores -pendente dos últimos remates- supuxo a reurbanización de milleiros de metros cadrados de superficie.

Isto engloba o mercado en si, mais tamén o novo edificio da escola infantil municipal -que moderniza as súas dependencias na súa nova localización, a carón da rúa Cuento, e incorpora unha nova rampla accesible- e espazos polivalentes para actividades no barrio, onda a rúa Forcarei.

Ademais, a mellora dos exteriores do mercado é visible na súa praza superior, fronte á avenida de Hércules, e tamén en rúas como Joaquín González, reconfigurada de tal forma que pasa a ser de preferencia peonil. "Medidas coma esta contribúen a calmar o tráfico e a reforzar a seguridade das persoas viandantes na contorna de edificios públicos onde se prevé o seu paso constante, como é o mercado", explicou Rey, acompañada esta mañá polos concelleiros José Manuel Lage, Montse Paz, Juan Ignacio Borrego e Diana Cabanas, o equipo de arquitectos que proxectou o mercado, con Alejandro Álvarez á fronte, os responsables das firmas executoras das obras -a UTE Prace Servicios y Obras e Xestión Ambiental de Contratas-, así como por representantes da AAVV Atochas-Monte Alto e polas persoas integrantes da Coral do Centro Cívico de Monte Alto, que puxo a nota musical ao acto de hoxe no mercado.

Outro dos aspectos destacados da intervención foi a instalación de dous novos elevadores para facilitar a mobilidade vertical no mercado e desde os seus exteriores.

O traslado das praceiras e praceiros completouse onte 

Na visita desta mañá ao novo mercado, Inés Rey amosou o seu agradecemento ás e aos vendedores "pola súa paciencia e comprensión" durante o desenvolvemento dos traballos no antigo edificio.

"Intervencións coma esta poden xerar incomodidade, pola súa complexidade en termos loxísticos e pola dificultade de que as obras se executen de corrido. Somos conscientes de que foi así e cómpre agradecer a colaboración das e dos profesionais que traballan no mercado e que durante este tempo o fixeron nas instalacións provisionais de Indalecio Prieto. Estamos convencidos de que este esforzo pagará a pena e que o novo mercado terá un efecto moi positivo para o pequeno comercio e tamén no conxunto do barrio", dixo Rey.

Neste sentido, o traslado das praceiras e praceiros completouse onte. Se o sábado remataron a súa actividade en Indalecio Prieto, onte foi cando se ultimaron os detalles previos á súa volta ao mercado, co obxectivo de estar en marcha en datas tan sinaladas como as festas do Nadal. Nas vindeiras semanas sairán a licitación os postos que aínda están baleiros co obxectivo non só de contribuír á creación de emprego, senón tamén á mellora dos servizos aos veciños e veciñas. 

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión