23 de febreiro de 2025
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou que esta mesma semana saíu a concurso o servizo de limpeza da rede, á que o Concello destinará 3,5 millóns ata o ano 2028
O Concello vén de adxudicar as obras correspondentes á segunda fase de construción da nova rede de saneamento separativa no Barrio das Flores, unha intervención que acometerá a empresa Citanias por algo máis de 400.000 euros.
Anteriormente, a rede de saneamento do barrio estaba estruturada entre dous colectores principais, de funcionamento unitario, nas caras noroeste e sureste da rolda Camilo José Cela. Estes dous colectores recollían as augas correspondentes a cada unha das vertentes nas que se divide o barrio, a partir da divisoria marcada polo poliduto. Para facer máis eficiente a rede de recollida de augas na conca do Barrio das Flores, o Concello optou por remodelala e ampliala, o que tamén permitirá aliviar a galería de saneamento que atravesa Alfonso Molina.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou que, pola envergadura desta actuación, optouse por executala en dúas fases diferenciadas no tempo. A primeira delas rematou en febreiro do ano pasado e, proximamente, arrincarán os traballos correspondentes á segunda e última fase, que se desenvolverá ao longo da rolda Camilo José Cela case na totalidade do seu percorrido, partindo dende o cruzamento coa avenida de Monelos ata Salvador de Madariaga.
Díaz lembrou, ademais, que esta mesma semana saíu a concurso o servizo de limpeza da rede de saneamento municipal, na que o Goberno de Inés Rey prevé levar a cabo un investimento de 3,5 millóns ata o ano 2028. "Esta medida é fundamental para o mantemento e conservación das tubaxes e colectores en óptimas condicións", recalcou a concelleira.
Para afrontar esta actuación, o Concello solicitou a súa cofinanciación a través da convocatoria do Plan provincial de cooperación de obras e servizos (POS) que promoveu a Deputación no 2024.

17 de decembro de 2025

17 de decembro de 2025

10 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible