Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de marzo de 2024

Adxudicados os traballos de instalación das novas escaleiras mecánicas na rúa Adelaida Muro, no barrio de Monte Alto

As escaleiras mecánicas estarán cubertas cunhas planchas de metacrilato que servirán de protección, tanto para as persoas usuarias como para os propios elementos electromecánicos, ante os fenómenos meteorolóxicos

A Xunta de Goberno Local deste mércores aprobou a adxudicación dos traballos de instalación das novas escaleiras mecánicas na rúa Adelaida Muro, unha das 17 actuacións cofinanciadas a través da segunda convocatoria de fondos Next Generation, na que o Concello obtivo máis de 9 millóns do Goberno estatal en abril do ano pasado.

A intervención, valorada en algo máis dun millón de euros, "suporá unha mellora no tránsito peonil para salvar o desnivel de 12 metros existente entre Adelaida Muro e a rúa Ángel Rebollo, no barrio de Monte Alto", indicou hoxe a alcaldesa, Inés Rey.

Pola escalinata pasan a diario moitos veciñas e veciños, "mais presenta certas dificultades para transitar, polo seu gran desnivel", explicou Inés Rey. Con esta actuación, adxudicada hoxe á empresa Prace Servizos e Obras, o Concello aborda a remodelación completa da escalinata coa instalación, no seu corredor central, de tres treitos de escaleiras mecánicas que axudarán a salvar o desnivel existente.

As escaleiras mecánicas estarán cubertas, ademais, cunhas planchas de metacrilato que servirán de protección, tanto para as persoas usuarias como para os propios elementos electromecánicos, ante os fenómenos meteorolóxicos.

Ademais, e a ambos os lados deste corredor central, derrubarase toda a escaleira para remodelar a súa distribución actual e reducir as pendentes dos relanzos intermedios, necesarios para dar acceso aos sete portais existentes aos lados da escalinata.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión