Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de abril de 2017

Alberto Lema presenta a nova edición das xornadas 'Bo en boca', unha iniciativa que pon en valor a gastronomía coruñesa "como factor de atracción turística" na Semana Santa

O responsable municipal destaca “os bos resultados” da proposta no 2016, que este ano se desenvolverá do 7 ao 17 de abril en oito hoteis locais, cuxa ocupación para a semana que vén aumentará ata o 84%, segundo os datos ofrecidos por Hospeco

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou esta mañá a segunda edición da iniciativa Bo en Boca, as xornadas gastronómicas postas en marcha o ano pasado pola hostalería local coa colaboración do Concello e do Consorcio de Turismo co obxectivo de impulsar á cidade como destino urbano durante a Semana Santa. A proposta, que se celebrará entre os días 7 e 17 de abril, ofrecerá á veciñanza e ás e aos visitantes a oportunidade de degustar, en oito hoteis da cidade, "menús que recollen a tradición e concilian o legado gastronómico de tres culturas que conviviron na Península Ibérica, como son a cristiá, xudía e a musulmá", explicou Lema. "O obxectivo de Bo en boca non é outro que subliñar e poñer en valor a cociña coruñesa como un factor de atracción de visitantes á nosa cidade", sinalou o edil, "en particular para todas aquelas persoas que, na Semana Santa, buscan outro tipo de experiencias". O responsable municipal valorou positivamente os resultados da pasada edición da iniciativa, que cualificou como "bos", unha campaña na que se despacharon máis de 1.000 menús especiais, tanto á veciñanza como ás e aos visitantes, durante a celebración destas xornadas, "que sitúan tamén ás cociñas dos hoteis da cidade, e dos seus restaurantes, como un dos atractivos da oferta gastronómica local". "Esta iniciativa non só pon en valor e a excelencia da cociña coruñesa, e das e dos seus profesionais, senón que fai fincapé na que se practica nos hoteis da cidade, o que achega unha nova perspectiva dos mesmos á cidadanía", aseverou.

O edil estivo acompañado na rolda de prensa pola Xerente de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud, e o xerente da Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña (HOSPECO), Rafael Benito, quen avanzou que, segundo os datos que manexa súa entidade, o índice de ocupación hoteleira na cidade, durante esta Semana Santa, chegará ao 84%. "A previsión de reservas é moi positiva, xa que se o ano pasado pechamos este período cun 76% de ocupación, de cara 2017 temos previsto aumentar, entre xoves e domingo, até oito puntos máis, chegando ao 84%", afirmou Benito, "polo que agardamos que esta edición de Bo en Boca tamén resulte exitosa entre aquelas persoas que pernoiten na cidade".

En Bo en Boca participarán os restaurantes de oito hoteis da cidade --AC, Attica 21, Carrís Hoteles, Hesperia Finisterre, Meliá María Pita (Restaurante Trueiro), Hotel Zenit (Restaurante La Marola), Ibis Style (Restaurante La Fragata) e Hesperia (Gastroteca)--, todos eles vinculados a Hospeco. Os menús, que terán como base elementos da cociña tradicional árabe, xudía e cristiá, irán desde os 12 até os 42 euros e serviranse tanto en horario de comida como nas ceas.

Camiño Inglés

Por outra banda, o concelleiro e a xerente do Consorcio de Turismo deron conta do plan de acción, previsto polo do Goberno local, para promocionar o Camiño Inglés durante o presente ano, tras o paso de Calatayud pola xuntanza en Budapest da Asociación Húngara de Amigos do Camiño, na que participaron máis de 500 persoas e representantes de institucións. "O Concello participou neste encontro, así como noutros nos que foi convidado en Irlanda e Estados Unidos, co obxectivo de poñer en valor A Coruña como destino e a súa vinculación co mundo xacobeo", sinalou a xerente, quen avanzou que esta fin de semana chegará á cidade "a primeira parella de peregrinos internacionais que fagan esta rutas".

Ao fío, Calatayud explicou as próximas accións previstas polo Goberno local en relación á promoción e fomento do coñecemento do Camiño Inglés entre a poboación, entre as que se atopan a edición dunha guía "que pon en valor a ruta e a vinculación do porto coruñés coas peregrinacións marítimas desde o século XII, cuxa relación histórica posibilitou a obtención da Compostela" ou a sinalización do Camiño dentro da cidade. Ademais, o Concello ofrecerá, desde as oficinas municipais, as credenciais xacobeas, e potenciará a información específica sobre esta ruta nas oficinas de Turismo.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión