Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de marzo de 2018

Alberto Lema salienta que A Coruña "gaña presenza como destino gastronómico" coa terceira edición das xornadas gastronómicas 'Bo en Boca', que arrincan este venres

Un total de oito restaurantes de hoteis da cidade ofrecerán, até o 1 de abril, menús vinculados ás cociñas das culturas árabe, xudea e cristiana, nunha acción coorganizada polo Consorcio de Turismo

concelleiro de Economía e Emprego, e presidente do Consorcio de Turismo da Coruña, Alberto Lema, participou esta mañá na presentación da III edición de Bo en Boca, as xornadas gastronómicas vinculadas ás cociñas relacionadas coa cultura árabe, xudea e cristiana  que se celebrarán en diferentes hoteis da cidade entre os días 23 de marzo e o domingo 1 de abril. Tal e como apunta Lema, trátase do terceiro ano consecutivo no que, durante a tempada de Semana Santa, os diferentes restaurantes de hoteis da cidade ampliarán, no marco dunha iniciativa organizada polo Consorcio de Turismo e a Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña (HOSPECO), a oferta de eventos gastronómicos locais a través "dunha cociña orixinal e innovadora",  e que afonda na aposta do goberno local por posicionar A Coruña como un destino gastronómico. "Ademais do Concurso de Tapas Picadillo ou do Fórum Gastronómico, a cidade conta desde 2015 con novos eventos deste eido, como son as xornadas Lacónicas, o festival do bocata gourmet Bocatiuse e o propio Bo en Boca, que incide na idea de visibilizar non só unha moi boa relación calidade-prezo, senón nunha cociña atlántica, innovadora e internacional", sinalou o concelleiro, que estivo acompañado no acto de presentación pola xerenta de Turismo, Lanzada Calatayud, e o presidente de HOSPECO, Rafael Benito.

Nesta III edición do Bo en Boca participarán un total de 8 restaurantes de diferentes hoteis da cidade, nos que cada establecemento presentará diferentes modalidades de menús, dentro da súa oferta habitual, e en diferentes tramos de prezos que oscilarán dende os 12 até os 42 euros. Os espazos nos que se poderán degustar as propostas culinarias serán La Gastroteca do Hotel NH A Coruña, Restaurante La Marola do Hotel Zenit, Restaurante La Granera Styles do Hotel Ibis, Attica 21, Hotel AC, Hotel Carrís Marineda, Melía María Pita e Hotel NH Collection Finisterre.  Tal e como apuntou Catalayud, para o sector "é unha iniciativa acertada e interesante", que "contribúe tamén á descentralización da oferta", posto que participan hoteis de barrios máis alonxados do centro urbano da cidade, e "incide na desestacionalización da proposta turística", ao realizarse no período da Semana Santa. A este respecto, o responsable de Hospeco apuntou "á mellora da iniciativa desde o seu inicio", e lembrou que, durante a pasada edición das xornadas, os hoteis da cidade despacharon "máis de 1.500 menús nunha soa semana".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión