Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de febreiro de 2023

A Xunta de Goberno Local aprobou a sinatura do convenio entre o Concello e a Deputación da Coruña, que pasa a adherirse a unha iniciativa dotada con cinco millóns de euros, cofinanciada con fondos FEDER, que promove infraestruturas intelixentes e o uso do ‘big data’ en máis de 200 edificios da cidade

Aprobado o convenio que permitirá a instalación de sensores intelixentes en 12 edificios da Deputación, no contexto do proxecto Conecta Coruña

Ademais, a XGL aprobou unha solicitude de subvención á Consellería de Política Social e Xuventude para reforzar a atención das necesidades básicas das persoas usuarias da Oficina Municipal de Atención ao Pobo Ucraíno (OMAPU)

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a sinatura dun convenio coa Deputación da Coruña, vinculado ao proxecto tecnolóxico Conecta Coruña, unha iniciativa dotada con cinco millóns de euros, cofinanciada con fondos FEDER, que promove infraestruturas intelixentes e o uso do 'big data' en máis de 200 edificios da cidade.

Baseándose nese proxecto, o Concello está a acometer a instalación de sensores intelixentes grazas aos que será posible optimizar nos edificios o consumo de recursos hídricos, valorar axustes automáticos da iluminación e dispor dunha medición continua do gas radón, mitigando riscos para a saúde das persoas.

Despois dos cinco convenios xa aprobados con anterioridade, que posibilitaron a adhesión da Universidade da Coruña, a lonxa da Coruña, Cruz Vermella, o Instituto Médico Quirúrxico San Rafael e a Autoridade Portuaria a este proxecto, hoxe autorizouse a aprobación do acordo para que 12 edificios da cidade, sobre os que a Deputación ostenta a titularidade -como é o caso do Teatro Colón e o Arquivo Provincial-, se sumen a este programa.

Avances nos accesos ferroviarios ao porto exterior de Langosteira

Ademais, a XGL autorizou este mércores a aceptación, de mutuo acordo coa Autoridade Portuaria, do expediente de expropiación dunha parcela de titularidade municipal necesaria para facilitar a construción dos accesos ferroviarios a Langosteira.

No acordo acadado, que se aprobou esta mañá, o Concello ingresará preto de 1,2 millóns de euros pola cesión de algo máis de 7.000 metros cadrados. "O Concello, igual que outros propietarios, vese afectado nas súas propiedades por esta actuación, mais chegamos a un acordo para facilitar os trámites e permitir as obras coa maior celeridade", aclarou a alcaldesa, Inés Rey.

Estudo de detalle na confluencia de Alcalde Pérez Ardá coa rúa Montevideo

A Xunta de Goberno Local autorizou hoxe o estudo de detalle da esquina na que conflúen a avenida Alcalde Pérez Ardá e a rúa Montevideo. Este estudo de detalle, promovido pola firma Residencial Montevideo, propón unha remodelación dos espazos públicos existentes fronte a dúas das parcelas privadas que hai neste enclave.

Os espazos públicos aos que se apunta no estudo de detalle están situados a unha cota inferior ás rasantes da rolda de Outeiro e Alcalde Pérez Ardá, e o que se propón é elevar as rasantes deste espazo para deixalo a rentes coas rasantes existentes en Alcalde Pérez Ardá, e definir uns novos percorridos accesibles, con escaleiras e rampla, que estarán conectados á rúa Montevideo, acabando cos importantes desniveis existentes nese punto.

A concesión de licenzas entre os días 27 de xaneiro e 9 de febreiro

Este mércores, a Xunta de Goberno Local tamén fixo balance das licenzas resoltas no período entre os días 27 de xaneiro e 9 de febreiro, con 154 expedientes notificados, dos que 23 foron licenzas urbanísticas e 80 foron obras en réxime de comunicado.

Entre as licenzas concedidas destaca a que permitirá á empresa Pescamar a construción dunha nave industrial vencellada á actividade pesqueira e que estará situada nos peiraos do Centenario e San Diego. O orzamento para os traballos de execución desta nave, destinada á preparación e distribución de productos, é de case 5 millóns de euros. O prazo de execución das obras será de 18 meses.

A Rede Municipal de Acollida para Mulleres en situación de violencia de xénero

No referente aos asuntos da área de Servizos Sociais, Benestar e Igualdade, hoxe aprobouse a renovación do convenio de colaboración coa Deputación da Coruña para financiar o programa da Rede Municipal de Acollida para Mulleres en situación de violencia de xénero, convenio que entrou en vigor no ano 2020 e segue a ter continuidade.

"O noso compromiso coas vítimas continúa firme: temos o obxectivo de estar a carón delas para axudar as mulleres afectadas na busca de solucións individuais e colectivas, e así o seguiremos facendo. Desta forma, Concello e Deputación seguirán traballando de forma conxunta no programa, coa financiación dos centros e pisos de acollida na Coruña, pero tamén na transición cara a vida autónoma das mulleres afectadas. 

"As Administracións públicas temos a obriga de acompañar as afectadas neste proceso, de facerlles ver ese apoio social tan necesario para que recuperen a súa vida", agregou Inés Rey na súa intervención.

Solicitude dunha subvención para reforzar os servizos da OMAPU

Este mércores, a XGL aprobou unha solicitude de subvención á Consellería de Política Social e Xuventude para reforzar a atención das necesidades básicas das persoas usuarias da Oficina Municipal de Atención ao Pobo Ucraíno (OMAPU), posta en marcha o 21 de marzo do ano pasado, pouco despois de que Rusia iniciase a invasión de Ucraína.

"Desde un inicio, a OMAPU centrouse en dar cobertura ás necesidades básicas das persoas refuxiadas, a escolarización dos rapaces  e rapazas, a atención psicolóxica e un plan de inmersión lingüística para facilitar a integración dos afectados", apuntou a alcaldesa.

Coa solicitude desta subvención búscase contribuír ao financiamento dos gastos de funcionamento e asistencia derivados da posta en marcha da OMAPU, e reforzar o servizo xa existente, en coordinación co tecido asociativo da cidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión