Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de marzo de 2024

Coa reconfiguración do edificio e os seus exteriores, gañaranse máis de mil metros cadrados de prazas públicas, e duplicarase a superficie dispoñible para a Escola Infantil Municipal na súa nova localización

As obras do novo mercado municipal de Monte Alto avanzan co inicio da construción da nova estrutura

A alcaldesa, Inés Rey, visitou hoxe o mercado en obras, do que xa está executado máis do 25%. A rexedora destacou que “os traballos continúan cumprindo os prazos estimados desde a súa posta en marcha”

A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor este luns os avances experimentados nas obras de rehabilitación do mercado municipal de Monte Alto, que, tras os traballos de derruba e consolidación das estruturas, inicia unha nova fase: a da construción da nova edificación.

Na metade da planta superior xa se están a preparar os forxados para completar a estrutura. Sobre este sector habilitarase unha nova marquesiña de transporte urbano, que multiplicará por seis o espazo para as persoas usuarias, con respecto ao que había anteriormente. 

Xa de cara ás vindeiras semanas comezará a preparación do forxado da parte que resta por cubrir, sobre a que se levantará a nova Escola Infantil Municipal de Monte Alto, que duplicará o espazo da anterior instalación e, ademais, coa súa nova localización, será un recinto máis luminoso e diáfano, con 400 metros cadrados de superficie útil.

Inés Rey, que supervisou hoxe o as obras do mercado, apuntou, ademais, ao incremento de espazos públicos coa reconfiguración do edificio e os seus exteriores. "Entre outros cambios, gáñanse máis de 1.000 metros cadrados de prazas públicas coa nova redistribución de espazos. Non só haberá unha praza na parte superior, como había, senón que tamén haberá espazo público no baixo e no primeiro andar. Neste primeiro andar haberá un espazo aberto e cuberto por un beiril de cinco metros de anchura para que as persoas se poidan gorecer da choiva. Haberá tamén un espazo infantil", indicou a rexedora, acompañada hoxe en Monte Alto polo concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, e o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego.

Reurbanización de máis de 15.000 metros cadrados

En total o Concello prevé reurbanizar máis de 15.000 metros cadrados entre os diversos andares da praza e as rúas perimetrais.

A este respecto, cómpre destacar que a nova reconfiguración da contorna permitirá tamén a presenza de árbores de gran porte na fronte da avenida de Hércules, o que contribuirá a humanizar o espazo. O novo arboredo tamén será visible na rúa Joaquín González, que será peonalizada.

"Ademais, pasaremos de contar cun só ascensor a ter dous, un exterior e outro interior, no outro extremo da praza. Os locais veciñais tamén cambiarán dun xeito importante, xa que agora serán exteriores, con luz natural, cando ata o momento estaban nun soto. O mercado será moito máis accesible, con catro accesos principais e moito máis integrado na súa contorna", detallou Inés Rey.

En liñas xerais, "gáñase un espazo totalmente permeable e relacionado coa súa contorna, fronte á arquitectura pechada que existía antes", agregou a alcaldesa. No edificio seguirá habendo, coma antes, un supermercado e dous sotos con espazo de estacionamento para 111 vehículos, mellor deseñados e con accesos máis claros dos que había previamente.

As obras do mercado, en prazo

Actualmente, a execución das obras de rehabilitación do mercado municipal de Monte Alto superan xa o 25%, avanzando segundo o calendario previsto. "A obra está a cumprir os prazos desde que se puxo en marcha e contamos con que estea lista a finais do ano que vén", estimou a alcaldesa.

Por outra banda, e para que a cidadanía poida informarse en detalle sobre o proxecto, este luns habilitáronse catro tótems informativos, táctiles, na contorna do edificio, con información sobre este e outros mercados.

Ademais, tamén se dispuxo un novo valado de obra no que se poden ver diversas recreacións de como quedarán a praza e o mercado, recreacións que axudarán ás veciñas e veciños para facerse a unha idea de cal será o resultado final do plan de modernización do mercado municipal no barrio de Monte Alto.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión