31 de agosto de 2024
O Concello financiou en maio unha nova campaña de sondaxes, dirixida por Samuel Nión, do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, para identificar os motivos e as datas da destrución dunha das torres do acceso sudoeste
No pasado mes de maio, entre os días 13 e 31, realizouse unha nova campaña de escavación no Castro de Elviña, dirixida e coordinada por Samuel Nión Álvarez do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, e financiada polo Concello da Coruña, campaña da que estes días fixo balance o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, que destacou "o compromiso do Goberno de Inés Rey para a recuperación e a posta en valor dun dos principais enclaves patrimoniais e históricos da cidade".
A campaña que se executou durante o mes de maio centrouse en identificar os motivos e as datas da destrución dunha das torres do acceso exterior sudoeste. "Esta estrutura, completamente arrasada, presentaba un notable interrogante con respecto ás fases de abandono do castro: os datos actuais sinalan un abandono relativamente abrupto con cronoloxías particularmente esquivas e que investigacións actuais, realizadas a comezos de ano, hipotetizaron cun posible episodio de destrución violenta en época antiga", expón Samuel Nión.
A este respecto, a campaña afondou na análise dos motivos desta destrución, polo que foron enviadas varias mostras de carbón e sedimento para obter datacións de C14 (carbono 14) e obter información sobre esta fase de destrución. "Desgraciadamente, non se obtivo información concluínte sobre as datas de construción, mais si sobre a súa construción. As analíticas realizadas sinalan que as mostras tomadas formaban parte do material construtivo da torre e do sistema defensivo do castro, amosando unha data particularmente sorprendente: o século V a.C., ou o que é o mesmo, 2.500 anos antes do presente", indica Nión.
Para amosar a relevancia deste achado, cómpre ter en conta que o coordinador da escavación consideraba unha data próxima ao século III a.C. para a súa construción, ao tempo que outros arqueólogos daban por feito que tivese sido construída xa en época galaicorromana, no século I d.C. Estas datacións non só desbotan esta posibilidade, senón que sinalan o carácter particularmente temperán dos achados "e, ademais, que as defensas monumentais de Elviña -que evidencian que o poboado foi froito dunha planificación estruturada e coidada desde os seus inicios- son moi anteriores ás doutros grandes poboados fortificados galegos como San Cibrao de Lás ou Santa Trega".
Estes achados non só permiten afondar no coñecemento de Elviña, senón que sinalan o desenvolvemento dunha sociedade con capacidade para estruturar e definir unha verdadeira planificación urbana en momentos moi anteriores aos considerados. "Agardamos que futuras investigacións permitan profundar aínda máis neste pasado e, tamén, coñecer o momento e as causas da destrución deste monumental castro", indica Nión Álvarez.
3 de decembro de 2024
29 de novembro de 2024
22 de novembro de 2024
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible