Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de abril de 2015

Breakfast Run, Mini Maratón Atlántica, Exporunning e Pasta Party: entrantes de luxo antes de Coruña42

O venres e sábado previos á cuarta edición de #Coruña42 a organización do Maratón Atlántica propuxo un crisol de actividades paralelas para todas as idades e que demostraron a implicación da cidade coa competición e a boa acollida deste tipo de accións de valor engadido para os runners.

A fin de semana previa á cuarta edición de #Coruña42 estivo chea de actividades que complementaron a gran festa que foi o Maratón Atlántica, con 1080 finisher, récord da proba, e que coroou a Lolo Penas e María del Rosario Figueroa nos #42k e Vanessa Veiga e Abdelkader Bouguerroudj nos #10k.

O venres ás 17.30 horas o concelleiro de Educación, Xuventude e Deporte Francisco Mourelo inaugurou a #Exporunning, a feira do corredor que repetiu Palexco como sede. Durante a presentación, que contou coa presenza dos atletas Pedro Nimo e Lolo Penas, e representantes dos patrocinadores de #Coruña42 como Repsol Refinería A Coruña, El Corte Inglés, Caixa Bank e Coca Cola, proxectouse o vídeo oficial da carreira, homenaxe aos heroes anónimos que devoran o asfalto cada día da cidade e homenaxeouse a aqueles que completaron o Maratón Atlántica nas súas tres primeiras edicións.

Ese mesmo venres tamén se proxectou ás 19.00 horas no auditorio Gaivota a película “Vivir sin parar” sobre a historia de superación dun maratoniano olímpico e retirado. Durante toda a primeira xornada vespertina do venres os visitantes da feira puideron coñecer diferentes postos dos patrocinadores da proba e doutros maratóns irmandados como a Maratona de Porto. Tamén puideron adquirir as súas entradas a prezos simbólicos para a Pasta Party do sábado grazas á organización e a Cambalache, recoller os seus dorsais e bolsas do corredor, e recibir o seu aplausómetro, que ademais consistía nun mapa do circuíto, consellos e información da proba.

O sábado comezou a xornada cedo, coa realización do BreakFast Run solidario de Coruña42 a favor de ADACECO (Asociación de Dano Cerebral da Coruña) onde o fundamental non eran marcas nin cronos senón favorecer a integración deste colectivo vencendo un circuíto situado na zona do Parrote. Establecéronse tres grupos “gacelas”, comandadas por Vanessa Veiga, “lebres” a cargo de Lolo Penas e “tartarugas”, con Andrés Díaz, e a eles uniuse Pedro Nimo, que non quixo perder esta acción solidaria. Cada un dos grupos, formado por corredores e membros de ADACECO, corrían unha distancia distinta pero ao final o obxectivo era chegar todos xuntos á meta. A continuación, todos puideron gozar dun almorzo.

Instalouse un servizo de ludoteca para os fillos dos corredores que competían no BreakFast Run puidesen participar sen problemas, e para que a mocidade participante do #MiniMaratónAtlántica esperase a súa quenda. Ás 11.00 horas iniciáronse as competicións de menores, novidade este ano en #Coruña42, que foron dende a categoría xuvenil e cadete, que percorreron unha distancia de 2400 metros ata pitufos, que correron 125 metros. Todas as persoas participantes puideron levar a súa camiseta e medalla conmemorativas.

Coincidindo co inicio do #MiniMaratónAtlántica comezaba tamén na contorna da zona de recollida de dorsais o ciclo de conferencias da #ExPorunning, composto por unha serie de relatorios tanto de profesionais médicos como de atletas profesionais.

Abriu os relatorios o especialista en Medicina do Deporte e profesor da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física Manuel Giráldez, da Clínica Quirón e Clínica S&c. que falou da importancia do recoñecemento médico e a valoración funcional no corredor de fondo. A prevención para evitar lesións e o sentido común dos corredores á hora de non comprometer a súa saúde á hora de afrontar unha proba deportiva.

Ás 12 horas foi a quenda de Julio Rey, récord de España de maratón, e adestrador e esposo de Vanessa Veiga, aínda que durante o seu relatorio recoñeceu que máis ca el, era o seu pai o que adestraba a atleta de Gondomar. Contou multitude de anécdotas sobre as súas experiencias deportivas en maratóns como Ámsterdam, os Xogos Olímpicos de Atenas ou como unha lesión o obrigou a retirarse pero permitiulle estudar unha carreira, Fisioterapia, a punto xa de terminar. Veiga destacou a educación en valores que trataban de inculcarlles aos seus fillos grazas ao deporte, que eles mesmos vían reflectidos nos seus pais.

Tras a fin das charlas da mañá, todos os corredores e os seus acompañantes que formalizaron a súa inscrición de simbólico prezo na #PastaParty de #Coruña42 con Cambalache puideron gozar na planta dúas de Palexco dun buffet libre de pasta con incribles vistas á baía coruñesa.

Ás 17 horas renováronse os relatorios da tarde. A primeira delas foi impartida polo experto en traumatoloxía, cirurxía ortopédica e profesor da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, Rafael Arriaza, que falou sobre como previr e curar as principais lesións que pode padecer o corredor de fondo, como son as bochas, escordaduras, roturas por estrés ou problemas no tendón de Aquiles e apuntou que máis do 70% dos runners padecen lesións nalgún momento da súa vida deportiva. Arriaza atendeu a quenda de preguntas das persoas asistentes e mesmo a algún lle explicou como realizar estiramentos nunha zona localizada.

O relatorio das 18.00 horas foi impartidp polo coach deportivo e lebre por segundo ano consecutivo de #Coruña42, Francisco Ruiz. O granadino explicou as premisas que debían cumprir os corredores antes, durante e despois da carreira e acabou con certos mitos. A importancia da hidratación, non realizar máis de dous maratóns ao ano e escoitar o corpo e as súas sensacións foron algunhas das pautas do corredor, que respondeu na quenda de preguntas a todas as dúbidas do numeroso público presente.

Cerrou o ciclo de conferencias ás 19.00 horas unha Mesa Redonda por Pedro Nimo, actual campión de España de maratón; Vanessa Veiga, campioa de España de medio maratón e maratón; José Requejo, medalla de bronce no Mundial de 100 km en ruta e Cristina González, catro veces campioa de España de 100 km. Os atletas deron pautas e consellos aos corredores para #Coruña42, compartiron as súas experiencias vitais e coincidiron en sinalar o termo “gozar” como principal premisa para todos aqueles que se enfrontaban ao maratón, unha proba para eles experiencia de vida.

Repetiuse así a experiencia do ano pasado, e máis recentemente en #Coruña21, na que os corredores puideron interactuar con atletas profesionais sobre as súas dúbidas para a carreira, a forma de afrontala, a súa propia experiencia persoal e outros temas que foron aparecendo, favorecendo o feedback cos atletas.

En definitivo, a cuarta edición do Maratón foi unha gran festa de participación e deportiva, pero #Coruña42 empezou moito antes do domingo, con todas as súas accións paralelas. Grazas a todos por participar nelas!

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión