Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de xuño de 2026

Cámaras e drones integran o dispositivo para garantir a seguridade nas praias en San Xoán

A alcaldesa, Inés Rey, visitou o Centro de Mando instalado na Coiraza, desde onde se fará seguimento da celebración

 A alcaldesa, Inés Rey, visitou este mediodía o Centro de Mando Móbil situado na Coiraza de Riazor, desde onde se coordinará a partir desta tarde o dispositivo especial de seguridade da noite de San Xoán, unha das celebracións máis multitudinarias do ano na cidade.

Rey, que estivo acompañada pola concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, pola concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, e polo subdelegado do Goberno, Julio Abalde, puxo en valor o traballo conxunto de todos os servizos implicados nun operativo que considera "á altura da complexidade dun evento multitudinario, destacando a coordinación entre administracións e corpos de seguridade e emerxencias para garantir que a noite discorra con normalidade. 

O Centro de Mando Móbil estará operativo desde as 19.00 horas e ata arredor das 8.00 da mañá, cun equipo duns 15 profesionais de distintos servizos traballando de forma permanente neste punto de coordinación. Desde estas instalacións controlaranse os accesos ás praias de Riazor, Orzán e Matadoiro a través de 13 cámaras de vixilancia distribuídas ao longo do litoral. Ademais, o dispositivo contará co apoio de dous drons da Policía Local, equipados con visión térmica para detectar posibles incidencias, especialmente na auga. 

Como principal novidade deste ano, incorpórase un sistema de análise apoiado en Intelixencia Artificial, que permitirá procesar en tempo real as imaxes captadas para detectar incidencias, localizar persoas perdidas ou identificar posibles infraccións. Esta tecnoloxía tamén facilita a identificación de vehículos e mesmo a localización de obxectos extraviados, ampliando as capacidades de resposta do operativo. 

Por outra banda, a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, explicou que esta noite haberá tres puntos violeta móbiles e un fixo para atender ás mulleres que o precisen. Ademais, repartiranse 2.000 pulseiras centinela que detectan substancias asociadas á submisión química e funcionan cunha mostra da bebida. Os puntos violeta estarán operativos entre as 21.00 e as 5.00 horas.

En total, preto de 1.000 persoas integran o dispositivo especial desta noite, que abrangue seguridade, emerxencias, limpeza e servizos municipais. A alcaldesa expresou o seu desexo de que a celebración sexa "tranquila e segura" e animou á cidadanía a gozar "da noite máis especial do ano" con responsabilidade. 

Dispositivo especial de transporte público

Co obxectivo de facilitar os desprazamentos e reducir o uso do vehículo privado, o Concello habilita un servizo especial de autobuses urbanos durante esta noite de San Xoán. Entre as 00.15 e as 02.30 horas funcionarán 9 liñas lanzadeira con saída desde a praza de Pontevedra, que conectarán co conxunto dos barrios da cidade, mantendo os percorridos habituais adaptados á noite festiva:

  • Liñas 1 e 1A: conectarán co eixo da Gaiteira, Os Castros, Castrillón, Eirís e A Pasaxe, así como con barrios como Matogrande ou o Barrio das Flores.

  • Liñas 3 e 3A: darán cobertura aos Rosales, Labañou, San Pedro de Visma e ao ámbito de Monte Alto e Cidade Vella. 

  • Liñas 6 e 7: comunicarán a área do Agra do Orzán, Ventorrillo, Peruleiro e a Sagrada Familia, estendéndose ata Meicende no caso da liña 6. 

  • Liña 11: prestará servizo aos Mallos, Vioño e á contorna da Rolda de Nelle.

  • Liña 21: conectará co Birloque, Mesoiro e Novo Mesoiro, pasando polo ámbito de Elviña. 

  • Liña 24: realizará o seu percorrido habitual ata a Zapateira, con saídas periódicas cada 30 minutos.

Como novidade, este ano haberá dúas paradas na contorna da praza de Pontevedra: a habitual dos soportais da praza, na que estacionarán as liñas 3, 6, 7, 11 e 24; e unha nova parada entre Payo Gómez e Juana de Vega, onde se situarán o 1, 1A e 3A.

A partir das 03.00 horas entrará en servizo nocturno, con frecuencias cada media hora e funcionamento ata as 07.00 horas, cubrindo os principais itinerarios urbanos en ambos sentidos. Este dispositivo especial permite garantir alternativas de mobilidade seguras e accesibles durante toda a noite de San Xoán.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión