6 de abril de 2025
O proxecto permitirá canalizar por separado as augas pluviais e as residuais, mellorando a eficiencia da rede e contribuíndo á sustentabilidade da cidade
O Concello da Coruña vén de iniciar esta semana os traballos correspondentes á segunda fase da nova rede de saneamento separativa no Barrio das Flores. Esta actuación, cun orzamento superior aos 400.000 euros, será executada pola empresa Citanias e forma parte do compromiso do Goberno de Inés Rey coa modernización das infraestruturas urbanas e a mellora da calidade de vida nos barrios.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou que esta intervención supón un paso fundamental para avanzar cara a unha cidade máis sostible, ao permitir a separación das augas residuais -procedentes dos fogares- das augas pluviais. "Antes, toda a auga circulaba conxuntamente pola mesma canalización. Agora, a rede contará con dous condutos independentes: un para a auga da chuvia e outro para os residuos domésticos, o que evitará sobrecargas nas épocas de fortes precipitacións e reducirá o risco de vertidos contaminantes", sinalou a edil.
A actuación desenvolverase ao longo da rolda de Camilo José Cela, practicamente na súa totalidade, desde o cruzamento coa avenida de Monelos ata a conexión con Salvador de Madariaga. A primeira fase desta remodelación finalizou en febreiro de 2024 e agora conclúese coa execución da segunda e última etapa.
Este novo modelo de rede permitirá tamén aliviar o volume de caudal que actualmente soporta a galería de saneamento que atravesa a avenida Alfonso Molina, optimizando o funcionamento global do sistema de saneamento da cidade.
A concelleira lembrou, ademais, que o pasado mes de febreiro saíu a licitación o contrato de limpeza da rede de saneamento municipal, cun investimento previsto de 3,5 millóns de euros ata o ano 2028. "É un servizo esencial para garantir o correcto funcionamento das infraestruturas hidráulicas e asegurar a súa conservación a longo prazo", concluíu Díaz.
O Concello solicitou a cofinanciación desta actuación a Deputación da Coruña, ao abeiro do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos (POS) correspondente ao ano 2024.

17 de decembro de 2025

17 de decembro de 2025

10 de decembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible