Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de maio de 2015

Concello e Stop Accidentes asinan un convenio para ampliar a rede de camiños escolares e realizar novas campañas de seguridade viaria

A concelleira de Mobilidade, Begoña Freire, destaca a importancia de iniciativas desta índole para lograr unha cidade "máis saudable, segura e, en definitiva, con máis calidade de vida"

A concelleira de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público, Begoña Freire, e a delegada en Galicia de Stop Accidentes, Jeanne Piccard, asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento de actividades formativas e informativas relacionadas coa seguridade viaria e a prevención de accidentes e, en particular, para o desenvolvemento de novos proxectos de Camiño Escolar Seguro.

Begoña Freire explicou que este convenio inclúe:

1. A organización e participación en campañas de difusión e promoción da mobilidade sustentable, con actuacións formativas e informativas relacionadas coa seguridade viaria e a prevención de accidentes de tráfico.

2. O apoio e desenvolvemento de actuacións formativo-lúdico-culturais (exposicións, encontros, seminarios, xornadas, xogos, etc.) vinculados a campañas de sensibilización e formación en seguridade viaria e mobilidade sustentable.

3. O desenvolvemento de novos camiños escolares que favorezan a autonomía persoal no seo da comunidade escolar, mobilizando a alumnos, pais, persoal docente, veciños, comerciantes e administración local, ademais da identificación dos problemas de seguridade viaria na contorna dos centros educativos.

"Este convenio enmárcase na liña de colaboración que xa mantén o Concello con Stop Accidentes durante estes anos, desenvolvendo accións conxuntas en materia de seguridade viaria e mobilidade sustentable. O obxectivo é impulsar novas medidas e accións, achegando de forma construtiva e con sentido común", sinalou Freire, quen engadiu: "Neste sentido, teño que lle agradecer á delegada de Stop Accidentes a súa implicación e a dos seus colaboradores nas accións que levamos a cabo como a organización de eventos como a Semana Europea da Mobilidade, diferentes campañas de concienciación e sensibilización, na posta en marcha dos camiños escolares e, por suposto, na elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable".

Begoña Freire lembrou que os camiños escolares é un proxecto pioneiro que se puxo en marcha no 2013 co colexio Concepción Arenal e que este curso escolar chegou a 9 centros, o 40% do total. O proxecto, que fomenta a autonomía dos menores e mellora a seguridade viaria, tamén inclúe un tratamento do itinerario e da contorna: modificando os tempos dos semáforos, recolocando pasos de peóns, eliminando barreiras visuais e mellorando itinerarios como, por exemplo, o paso inferior de Alfonso Molina en Puga y Parga.

"En definitiva, trátase de seguir traballando e colaborando para facer da Coruña unha cidade máis saudable, segura e, en definitiva, con maior calidade de vida", explicou a concelleira.

O Concello achega 20.000 euros para o desenvolvemento de todas as accións que se inclúen para este ano no convenio asinado con Stop Accidentes. "É unha entidade coa que o Goberno municipal colabora de forma moi activa pola coincidencia de obxectivos cara á mobilidade sustentable que non se entende sen seguridade", concluíu Freire.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión