Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de maio de 2023

Dobre oferta teatral esta fin de semana no Rosalía e no Fórum, con tres funcións do Ciclo Principal e o Ciclo Sen Numerar

Entre o venres e o sábado, o público poderá gozar cos espectáculos ‘O porco de pé’, dirixido por Quico Cadaval, e ‘A barca do inferno’, unha sátira protagonizada polo elenco de Nauta Teatro

A oferta teatral de Concello para esta fin de semana inclúe dúas novas obras galegas, co desenvolvemento de funcións correspondentes ao Ciclo Principal de Primavera do Teatro Rosalía de Castro e do Ciclo Sen Numerar, que se leva a cabo no Fórum Metropolitano.

O venres e sábado haberá senllas funcións da obra 'O porco de pé', dirixida por Quico Cadaval. Serán no Teatro Rosalía de Castro, ás 20.30 horas, no contexto do Ciclo Principal de Primavera. Ademais, ás 21.00 horas do venres, o Fórum Metropolitano acollerá a obra 'A barca do inferno', a cargo de Nauta Teatro, incluída no Ciclo Sen Numerar.

'O porco de pé', de Vicente Risco, é versionada neste caso por Pepe Sendón e Quico Cadaval. A compañía Produccións Teatrais Excéntricas, con Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo como intérpretes, pon en escena o texto de Risco, que hai case cen anos escribiu unha divertida sátira na que descobre unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapeus que se confunden coa xente burguesa.

A obra camiña entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabaré, e ten hoxe unha gran vixencia. Na viaxe que propón aos anos 20 do século pasado desfilan anarquistas, capitalistas, agraristas, proxenetas, golpistas, vangardistas, caciques, mentalistas, futuristas e ata budistas, compoñendo unha sucesión de grotescos personaxes e unha historia de corrupción política e de amor.

O Ciclo Sen Numerar volve ao Fórum Metropolitano

O venres, ás 21.00 horas, tamén retorna o ciclo Sen Numerar ao Fórum Metropolitano. Será coa obra 'A barca do inferno', unha sátira non exenta de drama e desenvolta por Nauta Teatro, que versiona desta maneira un texto de Gil Vicente.

Recomendada especialmente para o público xuvenil, a obra amosa o estado actual do mundo mariño, a emerxencia climática e a contorna na que vivimos: contaminación, plástico, intoxicación, pesca masiva, cambio climático, de tal maneira que a peza trata de presentar o mundo do mañá, coas consecuencias das nosas accións no planeta.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión