Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de febreiro de 2020

Fontán sitúa a cidade como referente no apoio á produción, comercialización e ao consumo responsable

A concelleira de Medio Ambiente inaugurou a segunda edición de BioCultura, que terá lugar ata o domingo en EXPOCoruña con máis de 200 expositores dedicados á alimentación, cosmética, moda sustentable, benestar, turismo responsable, casa sa, eco-estilo de vida, artesanía e ONG

A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, inaugurou este mediodía a segunda edición de BioCultura en EXPOCoruña, a feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable máis grande do Estado, que organiza a Asociación Vida Sana. A cita terá lugar ata o domingo con máis de 200 expositores dedicados aos sectores de alimentación, cosmética, moda sustentable, benestar, turismo responsable, casa sa, eco-estilo de vida, artesanía e ONG, e que se completará con máis de 150 actividades.

A edila falou da Coruña como un referente no apoio á produción, comercialización e consumo responsable xunto a Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla ou Bilbao: "Os 4.000 metros cadrados son unha contorna magnífica para o encontro entre profesionais e persoas consumidoras comprometidas cunha vida máis natural, nunha decidida aposta polo futuro deste planeta". Fontán recordou que España é o primeiro país en producir produtos ecolóxicos de Europa e o cuarto do mundo, polo que "o noso reto debe ser agora ser o primeiro no consumo deles, e A Coruña e Galicia teñen un compromiso ineludible". Para iso, engadiu, é imprescindible introducir novos hábitos, algo co que este goberno está moi comprometido: "No noso expositor pódense ver dous programas que presentamos recentemente como 'Enrédate' e 'Come e leva', que supoñen os primeiros pasos dun camiño que nos levará a unha sociedade máis sustentable".

Por outra parte, sinalou que os produtos ecolóxicos son unha grande oportunidade de negocio e que contribúen a unha cuestión tan necesaria como é a recuperación das nosas terras abandonadas, terras que, grazas á nosa xeoloxía, producen unha materia prima de calidade. Fontán fixo fincapé en que a volta ao agro non pode responder a unha moda pasaxeira, debe quedar e formar parte dunha aposta común e asegurou que o Goberno local achegará o seu grao de area co proxecto transversal dos hortos urbanos: "Pensabamos que non tería impacto na sociedade coruñesa e non damos atendido a demanda que hai de novos terreos para hortos". A feira poderase visitar en horario de 10.00 a 20.00 horas, agás o domingo, que pechará ás 19.00 horas. No acto de inauguración tamén participaron a concelleira de Turismo, Diana Cabanas e a xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión