9 de abril de 2015
A cita, que acolle modalidades deportivas como o tenis de mesa, o bádminton, a petanca ou probas motrices, será este sábado, a partir das 10.45 horas, no Palacio dos Deportes de Riazor
O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, acompañado pola vicepresidenta da Deputación, Mariel Padín, o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, unha representante de Aspronaga, Esperanza Ruiz, e a deportista Estrella López, presentou esta mañá os XX Xogos Autonómicos de Deportes Minoritarios que se realizarán este sábado, día 11 de abril, a partir das 10.45 horas no Palacio dos Deportes de Riazor.
A iniciativa, organizada por Special Olympics Galicia, en colaboración con Fademga Feaps Galicia (Federación de asociacións a favor das persoas con discapacidade de Galicia) e Aspronaga, asociación que agrupa a pais, nais e familiares de persoas con discapacidade intelectual e que exerce como entidade anfitrioa dos Xogos. "É unha honra que a nosa cidade volva acoller un ano máis, e por terceiro consecutivo, estes Xogos de Deportes Minoritarios que poderiamos bautizar tamén como os Xogos da superación e do exemplo", destacou o concelleiro, quen engadiu: "Unha honra porque A Coruña está totalmente implicada co deporte en todas as súas facetas, sobre todo con aquelas actividades que, ademais de contribuír a unha mellor calidade de vida, favorecen a inserción social das persoas con discapacidade intelectual a través da práctica deportiva, o lecer, a solidariedade ou o compañeirismo entre as persoas participantes".
Na cita participarán 21 asociacións de toda Galicia que desprazarán a 382 deportistas con discapacidade intelectual e 93 adestradores que, sumados aos máis de 100 voluntarios e ao persoal da organización, fan un total de 668 persoas.
"Esta participación demostra unha vez máis que os coruñeses somos unha sociedade inclusiva que responde á chamada de colectivos e entidades cando o solicitan. Gustaríame, polo tanto, agradecer o traballo desinteresado dos máis de 100 voluntarios que participarán nesta iniciativa e tamén a colaboración das 21 asociacións que, día tras día, nos demostrades que a unión fai a forza", concluíu o concelleiro.
Os Xogos Autonómicos Minoritarios acollen distintas modalidades deportivas como o tenis de mesa, o bádminton ou a petanca, ademais de probas motrices (desprazamento, tiro de disco, recepción de pelotas, lanzamento a canastra, lanzamento de precisión, tiro á portería, raquetas e pelotas, equilibrio dinámico e desprazamento con diferentes apoios e birlos).
A xornada deportiva, aberta ao público e de entrada gratuíta, arrincará ás 10.45 horas coa actuación do coro de Aspronaga e o desfile de todos os deportistas das entidades participantes. A competición comezará ás 12.00 horas e a cerimonia de clausura, ás 19.00 horas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible