21 de maio de 2026
A alcaldesa da Coruña destaca a baixada do prezo do alugueiro tras a declaración da cidade como Zona de Mercado Residencial Tensionado
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, compareceu este mércores no Senado para expor as políticas impulsadas polo Concello en materia de vivenda e axenda urbana, así como para analizar os efectos da declaración da cidade como Zona de Mercado Residencial Tensionado (ZMRT), ao abeiro do artigo 18 da Lei 12/2023, do 24 de maio, polo dereito á vivenda. A comparecencia produciuse no marco da Comisión Xeral das Entidades Locais da Cámara Alta, centrada na avaliación das medidas desenvolvidas polas distintas administracións públicas para facer fronte ás dificultades de acceso á vivenda.
Durante a súa intervención, Rey reivindicou o papel dos municipios ante un problema que afecta especialmente ás grandes cidades e áreas metropolitanas. "A vivenda é un dereito constitucional e, por primeira vez, existe unha lei estatal que ofrece ferramentas ás administracións para actuar cando o mercado deixa fóra a demasiada xente", afirmou.
A alcaldesa lembrou que A Coruña foi a primeira cidade galega declarada oficialmente Zona de Mercado Residencial Tensionado e tamén a primeira dunha comunidade autónoma gobernada polo Partido Popular en lograr esta declaración, tras a autorización da Xunta de Galicia en xuño de 2025 e a súa posterior publicación no BOE o 29 de xullo dese ano. "Non solicitamos esta declaración por unha cuestión ideolóxica nin simbólica. Fixémolo porque os datos eran incontestables e porque non podiamos permanecer inmóbiles mentres cada vez máis persoas tiñan dificultades para seguir vivindo na súa propia cidade", sinalou.
Sobre os efectos da Zona de Mercado Residencial Tensionado na Coruña
Rey explicou que, antes da declaración, o esforzo medio das familias coruñesas para pagar o alugueiro superaba xa o 32% dos ingresos e que os prezos experimentaran unha forte escalada nos últimos anos. Neste sentido, destacou que desde a entrada en vigor efectiva da ZMRT os datos comezan a reflectir unha corrección dos prezos do alugueiro na cidade: "Mentres A Coruña reduciu o prezo medio do alugueiro máis dun 7% desde xullo de 2025, noutras grandes cidades galegas os prezos continuaron aumentando", expuxo.
Así, lembrou que segundo os datos do Observatorio de Vivenda de Galicia, en xuño de 2025, mes previo á entrada en vigor efectiva da medida, o prezo medio do alugueiro na cidade alcanzara os 771,10 euros mensuais. En xullo de 2025 situábase en 760,60 euros e, xa no primeiro mes completo coa Zona de Mercado Residencial Tensionado en vigor, agosto de 2025, baixou ata os 714,20 euros. Os últimos datos dispoñibles, correspondentes a marzo de 2026, sitúan o prezo medio en 706,20 euros.
A alcaldesa incidiu tamén en que a redución do número de contratos de alugueiro "non é unha realidade exclusiva da Coruña, senón unha tendencia xeral en Galicia", polo que rexeitou que esa evolución poida atribuírse unicamente á declaración da zona tensionada: "A diferenza é que na Coruña baixan os contratos, pero tamén baixa o prezo. Noutras cidades baixan os contratos e os prezos continúan subindo", resumiu.
Crítica á falta de colaboración do Goberno Autonómico
Durante a comparecencia, Rey criticou a falta de colaboración institucional do Goberno Autonómico no proceso de tramitación da ZMRT. "O Concello tivo que asumir practicamente en solitario boa parte do traballo técnico e administrativo necesario para acreditar unha situación que xa era evidente para miles de veciños e veciñas", lamentou.
Neste sentido, denunciou que a Xunta de Galicia introduciu esixencias e requisitos aos concellos de xeito posterior á solicitude, realizada primeiramente en outubro do 2023, e reclamou unha maior cooperación entre administracións. "Os concellos estamos asumindo boa parte do esforzo mentres moitas veces non atopamos a mesma corresponsabilidade por parte doutras administracións", afirmou.
A alcaldesa criticou tamén a falta de implicación do Goberno galego no seguimento posterior da medida e lembrou que a mesa de seguimento da ZMRT contou cunha "práctica incomparecencia" por parte da administración autonómica. "Mesmo os datos oficiais sobre a evolución do mercado da vivenda coñecémolos, en moitas ocasións, unicamente a través do portal web do Observatorio da Vivenda", sinalou Rey, que reclamou "maior coordinación institucional e vontade real de colaboración" para afrontar un problema estrutural como o acceso á vivenda.
A alcaldesa puxo tamén en valor as medidas impulsadas polo Concello da Coruña para complementar a declaración da ZMRT, entre elas a regulación das vivendas de uso turístico, a cesión de parcelas para a construción de vivenda por parte de outras administracións, oo incremento das reservas de solo para vivenda protexida e a promoción de nova vivenda social. Entre as actuacións en marcha, destacou o investimento de máis de 10 millóns de euros para construír 50 vivendas de alugueiro social en Xuxán, incluíndo financiamento europeo. "Mentres algúns discuten se hai que intervir ou non, nós estamos construíndo vivenda pública", subliñou.
Rey concluíu a súa intervención defendendo a necesidade de manter políticas públicas activas para garantir o dereito á vivenda: "A vivenda non pode ser entendida unicamente como un activo financeiro. É, ante todo, un dereito. E gobernar tamén consiste en actuar cando o mercado deixa fóra a demasiada xente", concluíu.

24 de abril de 2026

3 de marzo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible