Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de febreiro de 2024

Inés Rey entrega a placa conmemorativa de Choqueira do Ano a Jesusa Cabeza ‘Susa’, que colle o testemuño de Merceditas no Entroido da Coruña

Coa entronización do Deus Momo, que terá lugar este venres 9, comezará unha fin de semana de festexos. O desfile de comparsas e carrozas deste sábado pola tarde será o acto máis multitudinario

A alcaldesa, Inés Rey, fixo entrega esta mañá da placa conmemorativa que acredita como Choqueira do Ano a Jesusa Cabeza García 'Susa'. O acto, que tivo lugar no Circo de Artesáns, escenificou o recoñecemento das comparsas a unha figura clave no Entroido da Coruña, no que 'Susa' participa desde a década dos setenta. No acto tamén participou o concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, e o presidente do Circo de Artesáns, Roberto Parga.

Co seu nomeamento como Choqueira do Ano, 'Susa' recolle o testemuño de Merceditas, homenaxeada na pasada edición do Entroido. "'Susa' escenifica á perfección o que é o Entroido coruñés, o Entroido choqueiro. Ese Entroido no que non fai falta gastar un peso en disfraces para poder gozar da troula do martes na rúa da Torre", describiu Inés Rey.

Inés Rey puxo en valor o percorrido de 'Susa' pois, "aínda que xa era veterana do Entroido, non foi ata o ano 2010 cando se presentou ao concurso de choqueiras. Mais foi chegar e encher, pois conseguiu o primeiro premio e, desde entón, obtivo diferentes mencións", lembrou a rexedora.

Na entrega da placa conmemorativa a 'Susa', a alcaldesa fixo fincapé na importancia de que persoas como 'Susa' ou Merceditas se erixan como referentes e símbolos identitarios do Entroido da Coruña. "Confío en que elas, así como outras tantas choqueiras e choqueiros ilustres, inspiren ás seguintes xeracións para manter vivo e activo este Entroido, un dos máis especiais de Galicia", subliñou Inés Rey.

Por outra banda, está previsto que esta tarde, a partir das 20.00 horas, a alcaldesa participe no Xoves de Comadres, que este ano está dedicado á figura de Ángela Labaca no 190 aniversario do seu nacemente. Trátase dunha filántropa coruñesa que fundou a escola para nenos e nenas con poucos recursos que hoxe leva o seu nome. Desde alí, en Juan Flórez, partirá a comitiva en dirección á praza de María Pita.

A ofrenda floral a Nito e a entronización do Deus Momo, este venres 9

O Entroido coruñés entrará este venres nas súas xornadas centrais, que comezarán este venres coa ofrenda floral a Nito e a entronización do Deus Momo. O Goberno de Inés Rey organizou unha programación ampla e variada, pensando no gozo de toda a cidadanía con actividades para todo tipo de público sen deixar de lado as tradicións destas datas.

Estes actos terán lugar, respectivamente, na avenida de Pedro Barrié de la Maza, 14 e no Obelisco, estando ambos presididos pola alcaldesa, Inés Rey. Na entronización do Momo actuará a comparsa Os Maracos, que interpretará as cancións coas que gañou o concurso que tivo lugar o pasado sábado na gala celebrada no auditorio do Centro Sociocutural Ágora.

Este venres tamén comezarán as actividades programadas no Circo de Artesáns, onde se proxectará cada día de Entroido, ás 22.00 horas, o documental 'Entroido Cascarilleiro: dende Elviña a Monte Alto', dirixido por Omar Rabuñal. Tamén todas as xornadas de festa, a partir das 23.15 horas, celebrarase o velorio da Sardiña.

Este sábado 10, desde as 17.30 horas, desfile de comparsas e carrozas

O sábado 10 os obradoiros de Entroido comezarán ás 11.30 horas en diferentes centros cívicos da cidade. Por unha banda, haberá talleres en San Pedro de Visma, Castro de Elviña, Sagrada Familia e Feáns. Á mesma hora comezarán os obradoiros musicais en Pescadores, Santa Lucía, Artesáns e A Silva. Ás 12.00 horas terá lugar un obradoiro especial titulado 'Mascarada no Castelo', que terá lugar no castelo de San Antón e servirá para dar a coñecer a tradición galega desta celebración.

Pola tarde terá lugar o evento máis multitudinario da fin de semana, o desfile de comparsas e carrozas, que comezará ás 17.30 horas en San Andrés e percorrerá o Cantón grande e A Mariña ata a praza de María Pita. A chegada á praza dos participantes estará amenizada pola actuación de Kumpania Algazara, que tamén actuará pola noite, ás 21.30 horas. Esta banda conta con 20 anos de traxectoria, combinando no seu repertorio estilos como ska, funk ou ritmos latinos.

O domingo 11, as actividades do Entroido coruñés estarán encabezadas pola actuación especial da Banda Municipal de Música, a partir das 12.00 horas no Teatro Colón. Trátase dun concerto que, baixo o título 'Unha Banda de Entroido', lle ofrecerá ao público asistente un repertorio singular inspirado por esta festividade. Xa pola tarde haberá festas infantís nos centros cívicos, a partir das 16.30 horas nos Mallos e Labañou e a partir das 17.30 horas en Eirís.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión