Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de febreiro de 2020

José Manuel Lage: “Defendemos que Galicia teña o que lle corresponde, non temos problema en demandar o que é noso”

O voceiro do Goberno local anunciou a convocatoria de 413 prazas de emprego público neste mandato e lamentou o tempo perdido por anteriores gobernos en materia de políticas de emprego público. Villoslada: “A Marea tamén é responsable de que as parcelas se convertesen en soares e fosen vendidos ao asinar os convenios do 2018”.

O voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, non dubidou en defender os intereses da cidade nas mocións que debateron a devolución do IVE do 2017 por parte do Estado ás comunidades autónomas. A Corporación aprobou dúas mocións presentadas polo PP e Ciudadanos nas que se reclamou o pagamento do imposto. O voceiro do Goberno local declarou que "defendemos que Galicia teña o que lle corresponde, non temos problema en demandar o que é noso". Explicou que o goberno defende sempre os intereses da cidade "sen mirar a cor política de quen goberne en Madrid ou Santiago" en clara alusión aos concelleiros populares "que non reclaman a débeda que a Xunta ten coa OSG, que é de 5 millóns de euros".

Lage, quen sinalou a Montoro como culpable da situación na que se atopan as comunidades, deixou claro que foi o PP quen orixinou o problema, e que será o PSOE o  encargado de solucionalo".

Doutra banda, o voceiro anunciou que o Goberno local convocará 413 prazas de emprego público neste mandato ao tempo que fará unha nova Relación de Postos de Traballo (RPT) para as persoas empregadas municipais. Lage explicou que impulsará entre 2020 e 2021 a convocatoria dos procesos de selección de persoal previstos nas OPE ́s de 2014, 2015, 2016, 2017 e 2018 que non foran resoltas por anteriores gobernos. "O que pretende este goberno é mellorar os servizos públicos coa incorporación de máis persoal. Ademais, iniciará as negociacións cos representantes sindicais para abordar as melloras pendentes. José Manuel Lage lamentou o tempo perdido e a falta de políticas de emprego público dos anteriores gobernos. O voceiro socialista denunciou que o Concello levaba parado desde 2010 sen ningún proxecto e lembroulle ao voceiro da Marea que "aprobaran o acordo marco coas traballadoras/es dez días antes das eleccións".

Tamén botoulles en cara ás persoas representantes do PP e da Marea Atlántica as reclamacións sobre o cumprimento do acordo marco. "Con que cara se pode vir aquí a falaren despois da desastrosa xestión de persoal dos últimos anos no concello", indicou Lage, quen pediu "humildade e modestia ao esixir que se recuperen os bos costumes, porque o Goberno terá que facer en tres anos o que non fixestes nos últimos oito".

Asemade, a Corporación autorizou hoxe á Empresa Municipal Aguas da Coruña, EMALCSA, a converterse en medio propio co poder adxudicador do concello, unha catalogación que aparece recollida na nova lei de contratos do sector público. Trátase, explicou o voceiro do Goberno, José Manuel Lage, dun paso previo e decisivo para que a empresa municipal poña en marcha a creación dun operador municipal de enerxía local, pero tamén para abrir a porta a outras posibilidades que sirvan para aproveitar a capacidade de EMALCSA. "Iniciamos un camiño presidido pola prudencia e a seguridade xurídica", explicou Lage, quen lembrou que o Concello está comprometido coa creación do operador se se demostra que é viable.

O pleno tamén aprobou unha moción de Ciudadanos emendada polos grupos municipais do PSOE e Marea Atlántica, na que se expón a necesidade de poñer en marcha un plan de implantación de puntos públicos de recarga de vehículos eléctricos, en zonas estratéxicas da cidade, que non afecten á mobilidade. Neste sentido, o edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, asegurou que o concello está a estudar o sistema de xestión e a tipoloxía dos puntos de recarga. Nembargante, subliñou que no plan de mobilidade do concello a prioridade son os peóns es as peoas, e que a implantación de puntos de recarga "é unha medida complementaria na que que tamén ten que implicarse o sector privado".

Tamén foi aprobada a moción de Ciudadanos emendada polo PSOE reclamando á concesionaria do Pazo da Ópera que realice as obras necesarias para o bo mantemento do inmoble. O Goberno local anunciou que actualizará o informe técnico que recolle o estado da construción e as necesidades mais urxentes que deberán abordarse. Ademais analizará o estado en que se encontra a cesión de uso, para antes do mes de xuño, adoptar medidas legais que permitan a xestión do pazo en condicións óptimas.

Lage Tuñas defendeu a decisión da alcaldesa, Inés Rey, de prohibir o botellón nos xardíns de Méndez Núñez, nunha moción do BNG para pedir una Mesa de traballo que articule solucións encamiñadas a garantir que a existencia de locais de lecer na cidade non choque co dereito dos veciños e veciñas do barrio do Orzán ao descanso. E sinalou que PP e Marea son incapaces de asumir que nos últimos oito anos non se tomaron decisións no concello. "Predican, pero non fixeron nada", mentres que Goberno local xa puxo en marcha un dispositivo especial da Policía Local que vela pola convivencia e adoptou as medidas coercitivas necesarias para garantir o dereito ao ocio e o dereito ao descanso da veciñanza. "Medidas que contan co apoio da cidadanía", lembrou. O texto recibiu luz verde por parte da Corporación, que acordou tomar medidas para que o botellón non se traslade a outras zonas. Neste senso, o concelleiro socialista anunciou a creación dun servizo de mediación veciñal que xa funciona con éxito noutras cidades españolas.

A moción dos nacionalistas coa emenda de Marea en defensa da sanidade pública tamén foi aprobada polo pleno cos votos en contra do PP e a abstención de Ciudadanos. A Corporación acordou a reclamación de medidas encamiñadas a erradicar o desmantelamento e o peche de servizos nos hospitais da nosa área sanitaria e a reducir as listaxes de agarda e tempo de demora das consultas de atención hospitalaria.

A Corporación aprobou, coa abstención do PP, a moción do BNG en defensa dos postos de traballo en Isidro 1952. Os traballadores acudiron ao salón de plenos e puideron comprobar o compromiso ao lles aclarar e detallar a situación, contía e obxecto das axudas achegadas á empresa.

Por outra banda, José Manuel Lage, sinalou que a moción da Marea Atlántica instando ao Goberno local a convocar un pleno extraordinario para reclamar ao Estado que desbloquee os investimentos pendentes só persegue "montar un circo" porque o concello, lembrou, reivindica desde o minuto cero o que lle corresponde á cidade. "O importante é defender A Coruña sen importar as cores políticas", apuntou Lage, ao tempo que reclamou a unidade da Corporación para defender os intereses da cidade. A moción foi aprobada cos votos a prol do PP e Marea Atlántica e a abstención do PSdeG e BNG.

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, explicou a raíz dunha moción sobre os tereos da Maestranza que o Concello está tramitando unha modificación do Plan Especial de Protección e Reforma Interior da Cidade Vella no ámbito das murallas da cidade e dos terreos da Maestranza. Asegura que a aprobación inicial desta modificación "determinará a suspensión do procedemento de concesión de licenzas". Ademais, anunciou a intención do executivo local de retomar as negociacións co Ministerio de Defensa para estudar a cesión de bens do Ministerio á cidade. Villoslada asegurou que o Goberno local non vai admitir que a Marea diga que a venda das parcelas foi "a porta pechada e coa complicidade do Goberno local" e deixou claro que "o relato de Marea no responde á realidade". Para Villoslada, a Marea é tamén responsable de que as parcelas se convertesen en soares e fosen vendidos ao asinar os convenios do 2018.

O Goberno local, coincidindo cunha moción do PP, instará ao Estado e Xunta a asinar o convenio que senta as bases de colaboración entre as tres administracións a licitar coa máxima celeridade as obras de construción da Intermodal tras aprobar Adif en xuño de 2019 o expediente de contratación, os pregos, o gasto e apertura do procedemento de adxudicación. O concelleiro de Urbanismo recoñeceu que A Coruña acumula moitos anos de débedas e o Goberno local defenderá os intereses da cidade "tras anos de disputas entre as administracións, en especial entre o Goberno de Marea e a Xunta". Villoslada explicou que os requerimentos de Adif non buscan edificabilidade lucrativa senón usos vencellados ao ámbito ferroviario que a Concellería está a analizar.

A Corporación deu luz verde á moción para que as entidades sociais da cidade conten con espazos para poder desenvolver o seu labor. Tamén reclama a sinatura dun convenio con Padre Rubinos co fin de ceder a outras entidades sociais as antigas instalacións que a entidade posúe en Labañou e a remodelación do inmoble para que outras asociacións poidan usalo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión