Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de agosto de 2023

Luz verde á licenza de construción do edificio que acollerá o plató virtual da Cidade das TIC

Ademais, a Xunta de Goberno Local resolveu hoxe a adxudicación definitiva do Servizo de Atención na Rúa ás persoas sen fogar, con vistas ao que resta de exercicio e ata o ano 2025

Este mércores, a Xunta de Goberno Local aprobou a concesión de licenza para a construción dun edificio en dous bloques que acollerá o novo estudio virtual da Cidade das TIC, en Pedralonga.

O proxecto para crear este espazo audiovisual presentouse en decembro do ano pasado, co obxectivo de facilitar ás pequenas e medianas empresas do sector, así como ás e aos alumnos da Universidade da Coruña (UDC), un lugar onde desenvolver as súas ideas, "dotándoos da posibilidade de ter unha localización común e de calidade na que levar a cabo a súa actividade profesional", explicou a alcaldesa, Inés Rey.

A Deputación da Coruña, impulsora desta iniciativa co apoio do Concello, solicitou a mediados de xuño a licenza necesaria para construír a edificación que, ademais de acoller o estudio virtual, disporá de estancias específicas para servizos xerais e oficinas. Executarase tamén a urbanización da parcela onde se erixirá o edificio, con áreas verdes e zonas de lecer, aproveitando as zonas de acceso público.

O orzamento de execución material para construír as obras é de 1,7 millóns de euros, cun prazo de seis meses para iniciar os traballos e de 24 para completalos, unha vez que se inicien.

No último mes, 303 expedientes notificados na área de Licenzas

Dando continuidade aos asuntos relativos á área de Urbanismo, a alcaldesa expuxo o balance das licenzas resoltas no período entre os días 28 de xullo e 24 de agosto, con 303 expedientes notificados, dos que 22 foron licenzas urbanísticas e 19 foron obras en réxime de comunicado.

No informe de licenzas destacan, pola súa relevancia, dúas: corresponden ás rehabilitacións dos edificios situados nos números 3-5 da avenida Fernández Latorre e tamén o número 1 da rúa Veeduría.

Adxudicación do Servizo de Atención ás persoas sen fogar

Por outra banda, hoxe resolveuse a adxudicación definitiva do Servizo de Atención na Rúa ás persoas sen fogar, con vistas ao que resta de exercicio e ata o ano 2025.

A empresa que asumirá este servizo municipal será Osventos Innovación. "Incrementarase o número de horas anuais de integración social e tamén as vencelladas ao persoal auxiliar nos servizos nocturnos en caso de alerta climatolóxica ou emerxencia municipal", explicou a alcaldesa.

O investimento anual previsto neste servizo é de 177.00 euros.

Ademais, e tamén hoxe, a Xunta de Goberno Local aprobou novos nomeamentos no correspondente ao organigrama administrativo do Goberno municipal.

Fernando Santiago Martínez López será o director da Área de Infraestruturas, Mobilidade e Innovación Tecnolóxica, Luis Vázquez Rodríguez asume a dirección da Área de Medio Ambiente e, xa por outra banda, José Abelardo Blanco Serrano será o novo director da Área de Asesoría Xurídica.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión