Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de xaneiro de 2024

Luz verde á solicitude da avaliación ambiental do Plan especial da Torre, primeiro paso para ordenar os espazos naturais e patrimoniais da súa contorna

Entre as propostas incluídas no documento, o Goberno de Inés Rey valora o traslado a Durmideiras do frontón da Cidade Deportiva, así como do aparcadoiro público da Torre, que pasaría a duplicar a súa capacidade

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión ordinaria da primeira Xunta de Goberno Local deste ano, na que se aprobou o inicio da avaliación ambiental estratéxica para tramitar o Plan Especial de Protección e Reforma Interior da Torre de Hércules, unha iniciativa necesaria para a ordenación e protección do parque da Torre e a súa contorna.

"O deseño urbanístico deste espazo é anterior ao ano 2009, cando a Torre foi declarada Patrimonio Mundial pola UNESCO, unha declaración que supuxo un importante condicionante para os plans urbanísticos previos que, como saben, temos a intención e a obriga de modificar para manter o noso monumento como o referente que é, nas mellores condicións. Por iso, hoxe abordamos esta cuestión mediante un Plan especial que comeza a súa andadura coa solicitude da súa avaliación ambiental", expuxo Rey na rolda de prensa posterior á XGL.

En liñas xerais, o Plan especial de protección e reforma interior da Torre de Hércules, que afecta a unha superficie total de 784.000 metros cadrados, estima a ordenación de espazos libres, zonas verdes e os posibles equipamentos con usos públicos e de carácter residencial, así como as iniciativas precisas para protexer o patrimonio natural e cultural existente no Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Torre, "coa idea de preservar a contorna do monumento e, tamén, evitar a posibilidade de edificar nun espazo patrimonial da cidade tan sensible coma este".

A alcaldesa lembrou esta mañá que nesta zona existía unha edificabilidade de 37.000 metros cadrados, recoñecida polo Plan xeral. E recalcou, a este respecto, que "o documento que inicia o trámite ambiental recolle alternativas que, ou ben suprimen a edificabilidade totalmente, ou ben a reducen significativamente, mantendo só aquela que pode considerarse hoxe en día consolidada".

Traslado do aparcadoiro público e o frontón da Cidade Deportiva da Torre

Neste sentido, a proposta do Goberno municipal que agora emprende a súa tramitación ambiental inclúe, por exemplo, o traslado do aparcadoiro público e do frontón da Cidade Deportiva da Torre, que desaparecerían da súa actual localización para ser construídos de novo en parcelas do barrio de Durmideiras. No caso do aparcadoiro, que conta a día de hoxe cunha superficie de 8.000 metros cadrados, a estimación é que, de darse o traslado á nova localización prevista, chegue aos 17.000 metros cadrados.

Como é preceptivo, a solicitude de avaliación ambiental emitiráselle á Xunta de Galicia. Tras a exposición pública do proxecto e as alternativas incluídas nel, abrirase un período de alegacións previo ao ditame final, un trámite administrativo que, por prazos, pode levar varios meses.

Licenza a Mercartabria para remodelar o supermercado de San Agustín

No referente aos expedientes correspondentes á Área de Urbanismo, este mércores aprobouse a concesión de dúas licenzas solicitadas por Mercartabria para acometer melloras no mercado municipal de San Agustín.

Cada unha delas corresponde a intervencións diferenciadas, divididas entre o soto do mercado, onde está situado o supermercado, e nos accesos exteriores a este. A primeira das licenzas concedeuse para acometer obras de reforma no propio local onde está o supermercado, que ten unha superficie de 1.993 metros cadrados. "Pero ademais, tamén se aproveitará esta actuación en concreto para acometer traballos de reparación e acondicionamento nos aseos exteriores do mercado, e executarase unha rehabilitación estrutural nas vigas, forxados e piares que conforman a estrutura do soto de San Agustín", agregou a alcaldesa, Inés Rey.

Esta primeira intervención conta cun orzamento de 2,8 millóns de euros. Mercartabria terá un prazo de seis meses para comezar as obras e un total de 12 para executalas unha vez que as poña en marcha.

A maiores, tamén se lle concedeu unha segunda licenza a Mercartabria para executar a reparación da reixa do acceso ao soto, así como a dos chanzos da escaleira principal exterior do acceso á planta baixa, cuestións que forman parte do abano de obrigas que lle corresponden á empresa baseándose no título da concesión.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión