Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de decembro de 2023

Luz verde ao proxecto de urbanización en San Pedro de Visma, onde se construirán 3.600 vivendas, das que un cuarto serán de protección oficial

Este desenvolvemento forma parte do Plan de Vivenda do Concello da Coruña para o período 2024-2030

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este venres a sesión extraordinaria e urxente da Xunta de Goberno Local, na que se aprobou definitivamente o proxecto de urbanización do Sector 2 do polígono de San Pedro de Visma, un desenvolvemento que forma parte do Plan de Vivenda do Concello da Coruña para o período 2024-2030.

"A Administración autonómica ten as competencias, mais nos últimos 14 anos non apostou pola creación de vivenda na cidade. A oferta é escasa e os prezos para acceder á vivenda en termos de alugueiro non deixan de subir, polo que o Concello aposta pola colaboración público-privada para promover máis vivenda no termo municipal", expuxo a rexedora.

As liñas estratéxicas do Plan de Vivenda Municipal 2024-2030 contemplan, por exemplo, o desenvolvemento de polígonos para promover a construción de vivenda, a aposta pola vivenda en réxime de alugueiro, a rehabilitación de vivenda con importantes axudas municipais, e facilitar a poxa forzosa de edificios declarados en ruínas, "co obxectivo de construir a lo menos 4.000 vivendas entre os anos 2024 e 2030, cunha parte importante de protección", detallou Inés Rey.

No caso específico do proxecto urbanístico para o desenvolvemento de Visma, estímase a creación dunha bolsa de case 3.600 novas vivendas, das que un 26% serán de protección oficial. É dicir, unha cuarta parte do total.

Reformulación do proxecto tras a avaliación das alegacións presentadas

Durante o período no que estivo exposto á información pública, o proxecto para o desenvolvemento urbanístico do Sector 2 de Visma foi obxecto de 39 alegacións, das que se deu traslado á Xunta de Compensación, que o pasado 4 de decembro presentou por Rexistro un novo proxecto de urbanización do ámbito.

O informe técnico deste novo proxecto confirma que o apartado correspondente a aliñacións e rasantes axústase ao marcado polo Plan Parcial. E, ademais, contempla melloras referentes á mobilidade no rueiro do Sector 2, onde haberá trece vías para o tráfico rodado, e tamén se proxectou un novo treito de carril bici que estará conectado directamente coa glorieta da Terceira Rolda, en sentido de baixada cara ao Pavo Real e o cruzamento coa rolda de Outeiro. Na contorna desta rotonda, ademais, tamén se prevé construír dous pasos peonís unidos aos camiños de acceso ao núcleo de San Pedro de Visma.

Por outra banda, o proxecto presentado a finais deste ano estima en 2.476 as prazas de aparcadoiro públicas que haberá no Sector 2. A maior parte delas, 1.799, en superficie, das que case un cento terán a condición especial de prazas PMR, destinadas a persoas con mobilidade reducida. O resto de prazas, 677, serán subterráneas.

No referente á dotación de zonas verdes, o proxecto contempla a execución dun gran parque, unha alameda central que contribuirá a conectar o barrio do Ventorrillo e o Ágora con esta nova zona de lecer, que formará parte dos 89.000 metros cadrados de espazos libres públicos previstos no Sector 2, que se acondicionarán para o gozo dos veciños e veciñas.

Ademais, segundo o establecido no último proxecto de urbanización, proxectouse unha nova localización provisional para as hortas urbanas nunha parcela municipal próxima ao CEIP de San Pedro de Visma. A parcela onde están situadas actualmente as ecohortas contémplase, a futuro, como unha zona de espazos libres, como área de lecer, o que faría imposible mantelas na localización na que se atopan a día de hoxe. "O Concello, a través da Concellaría de Medio Ambiente, xa está a xestionar como se acometerá o futuro traslado das ecohortas a medida que comecen e vaian avanzando as obras de urbanización", expuxo Inés Rey.

A posta en valor dos elementos patrimoniais existentes na contorna

A versión do proxecto de urbanización que se aprobou hoxe en Xunta de Goberno inclúe a conservación, musealización e posta en valor da Arqueta dos Frailes, as actuacións na arqueta de paso ao oeste do Ágora e a descrición dos hórreos existentes no núcleo de San Pedro de Visma.

Segundo o exposto pola Xunta de Compensación no proxecto, a previsión é que o tramo da rúa que dá fronte á Arqueta dos Frades se urbanice cun carácter exclusivamente peonil e orientando o pavimento peonil desta rúa cara a arqueta situada ao oeste do Ágora. Ademais, proxectouse a instalación de doce balizas luminosas que delimitarán o trazado entre estas dúas arquetas, para acadar unha integración funcional dos elementos arqueolóxicos existentes.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión