Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de marzo de 2024

Máis de 2.500 persoas inscritas na XII Carreira Popular Torre de Hércules, primeira proba do circuíto Coruña Corre

Este luns abríronse as inscricións para a Volta a Oza, que terá lugar o domingo 7 de abril

O Concello da Coruña pechou este domingo o período de inscrición para a XII Carreira Popular Torre de Hércules, primeira proba da edición número 11 do circuíto de carreiras populares Coruña Corre. Máis de 2.500 persoas formalizaron a súa participación nesta proba, superando as que se apuntaron na pasada edición, o que reafirma o éxito desta competición promovida polo Goberno de Inés Rey.

Do total de 2.553 persoas inscritas, 1.388 participarán na proba absoluta, mentres que 834 farano nas carreiras de categorías inferiores, un total de seis. Ademais, como os últimos anos, o Concello organiza unha andaina conmemorativa do Día da Muller na que se apuntaron 331 persoas.

A XII Carreira Popular da Torre, única proba nocturna do circuíto, terá lugar este sábado, 23 de marzo, a partir das 17.00 horas, sendo a proba absoluta ás 20.00 horas. Este ano servirá tamén para conmemorar o 15 aniversario do faro como Patrimonio da Humanidade da UNESCO.

A proba partirá do paseo dos Menhires e transcorrerá polo paseo Marítimo, no tramo recentemente humanizado polo Concello, ata as instalacións do Oceanográfico, onde as persoas participantes darán volta para chegar ata os pés da Torre de Hércules. A distancia total será de 6.350 metros. As carreiras de menores, cun total de seis categorías, terán lugar no paseo dos Menhires, con circuítos que irán de 150 a 800 metros de distancia.

Horarios e servizos

As carreiras de categorías inferiores comezarán o sábado a partir das 17.00 e rematarán ás 18.30 horas. A entrega de premios para as persoas gañadoras destas probas será ás 19.10 horas no podio situado no Frontón da Torre. A carreira absoluta será ás 20.00 horas e a entrega de premios será, no mesmo lugar que as inferiores, ás 21.15 horas. A andaina comezará cinco minutos despois da proba absoluta e todas as persoas participantes lucirán un dorsal gratuíto conmemorativo.

As persoas participantes, tanto no circuíto como na proba, deberán recoller os seus dorsais e chips no Frontón da Torre, o venres 22 de marzo, das 17.00 ás 21.30 horas, e o sábado 23 de marzo, desde as 10.00 horas ata media hora antes do comezo de cada unha das carreiras. Haberá servizo de duchas e gardarroupa na Cidade Deportiva da Torre, só dispoñible para persoas participantes.

Inscricións para a Volta a Oza e o conxunto do circuíto

Por outra banda, este luns abriuse a inscrición para a segunda proba do circuíto, a Volta a Oza, para a súa edición número 11 o domingo 7 de abril. O período de inscrición pecharase, como é habitual, unha semana antes, o domingo 31 de marzo ás 23.59 horas. As persoas interesadas poden consultar toda a información e formalizar a súa inscrición na páxina web www.corunacorre.com.

A proba absoluta terá a súa saída e meta no parque de San Diego e transcorrerá pola avenida do Exército e da Pasaxe ata a avenida da Concordia, chegando ata a rúa Monte das Moas e atravesando o parque de Eirís. Despois, pasará pola praza de Pablo Iglesias pola avenida Casanova de Eirís, baixando pola rúa Antonio Ríos ata o parque de Oza, regresando a San Diego pola rolda de Outeiro.

Haberá dúas posibilidades de inscrición para a Volta a Oza. A primeira delas será a inscrición única ao circuíto, que dará dereito a participar en seis probas (agás na da Torre, para a que xa está pechada a inscrición) e será a única maneira de puntuar para o circuíto e optar aos premios. Xerarase un dorsal único e as persoas participantes deberán confirmar a súa asistencia proba a proba. O prazo de inscrición ao circuíto rematará ás 23.59 horas do domingo 5 de maio, data na que finaliza o prazo para a terceira proba do ano, a XV Baixada Popular de Cross San Pedro de Visma. Por outra banda, as persoas interesadas poderán inscribirse de maneira independente en cada carreira ata as 23.59 horas do domingo anterior ao día da proba.

A inscrición ao circuíto terá un custo total de 24 euros (12 euros de cota e 12 euros o chip) ou 19 euros (7 euros a cota e 12 de chip) para persoas desempregadas, de máis de 65 anos e con Carné Xove. A inscrición de menores é gratuíta. Por outra banda, as persoas que participen só nesta proba terán que aboar unha cota de 3 euros e 2 euros polo chip refugable, ou un total de 3 euros para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e posuidores do Carné Xove.

Calendario XI Coruña Corre

  • 23 de marzo: XII Carreira Popular da Torre de Hércules
  • 7 de abril: XI Carreira Popular Volta a Oza
  • 12 de maio: XV Baixada Popular de Cross de San Pedro de Visma
  • 2 de xuño: XI Carreira Popular dos Rosales
  • 15 de setembro: VIII Carreira Popular de Matogrande - Xuxán
  • 20 de outubro: X Carreira Popular do Ventorrillo
  • 24 de novembro: XII Carreira Popular de Novo Mesoiro

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión