16 de marzo de 2026
O alumnado de oito CEIPs fixo actividades para coñecer máis de preto a historia dos barrios da cidade
Hoxe rematou a última sesión do programa educativo Espías no tempo, a iniciativa impulsada polo Concello para que os nenos e nenas dos colexios públicos coñecesen os seus barrios a través de actividades e charlas divulgativas, visitando lugares emblemáticos e descubrindo o pasado de forma divertida. Coa participación do CEIP Aneja este luns, completouse o calendario previsto, e rematou a edición deste ano, cunha participación de máis de 500 alumnos e alumnas e 8 CEIP.
Ademais de contar coa presenza do persoal docente dos colexios, as actividades desenvolvéronse con especialistas da Federación das ANPA de centros públicos. O programa contou con cadernos de actividades específicos para cada barrio, que serviron de material de apoio para desenvolver a actividade.
"É fantástico que programas coma este teñan unha acollida tan entusiasta por parte dos centros educativos. Facer barrio é facer identidade e facer orgullo. Iso é o que lle tentamos transmitir ao alumnado desde idades moi temperás. Hai que educar pensando no futuro, pero cun ollo posto no que veu antes ca nós", valorou o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego.
Os encontros deste ano foron pensados para o alumnado de 5º e 6º de primaria dos centros participantes, cun total de máis de 20 actividades gratuítas por puntos icónicos da cidade. Os mozos e mozas descubriron parte da historia do seu barrio, do seu centro, e visitaron algúns sitios emblemáticos como o Faro de Oza, a compañía de tranvías, o parque do monte de San Pedro, a Escola de Náutica, o Consulado do Mar ou o parque de Oza, entre moitos outros.
Por outro lado, o luns pasado púxeronse en marcha as Rutas Urbanas Animadas, que se levan a cabo en diferentes entornos da cidade e que van dirixidas a alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º de primaria. Desenvolveranse ata finais de abril (en función da meteoroloxía). Mañá tamén comeza unha nova edición dos Itinerarios, que tamén son rutas a pe por distintas zonas da cidade, en función da idade do alumnado, e que van orientados a alumnado de 3º a 6º de primaria, da ESO e de Bacharelato.

16 de marzo de 2026

14 de marzo de 2026

14 de marzo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible