31 de agosto de 2025
A programación impulsada polo Concello inclúe propostas de benestar, artísticas, tecnolóxicas, gastronómicas, culturais e interxeracionais. Haberá actividades específicas para menores de 12 e maiores de 60 anos
Mañá, luns 1 de setembro, o Concello abrirá a preinscrición na programación de actividades socioculturais que se levará nos centros cívicos municipais neste último cuadrimestre de 2025.
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, lembrou que o Goberno de Inés Rey pon a disposición da veciñanza máis de 5.150 prazas e unha oferta de máis de 6.000 horas ata finais de ano. "Os centros cívicos municipais son núcleos de convivencia fundamentais tanto para os barrios da cidade como para a súa veciñanza. Axudan a fomentar un sentimento comunitario e tamén a crear vínculos sociais entre persoas a escala interxeracional, co impacto positivo que ten isto para mitigar cuestións como a soidade non desexada, por exemplo", explicou Canosa.
Neste sentido, a programación prevista a partir de outubro inclúe propostas de benestar (pilates, ioga, danza), artísticas (pintura, cerámica, fotografía), tecnolóxicas, gastronómicas, culturais e interxeracionais, así como clubs de lectura, memoria e iniciación dixital.
Ademais, tamén se manterán actividades específicas para menores de 12 anos -ludoteca, apoio escolar e inglés- e para maiores de 60 -estimulación cognitiva, uso do móbil e actividade física adaptada-.
Así será o calendario de trámites previo á posta en marcha das actividades
Cada persoa poderá solicitar ata tres actividades por orde de preferencia; a veciñanza empadroada no Concello da Coruña terá prioridade fronte a solicitudes doutros concellos.
A preinscrición poderá realizarse desde mañá, luns 1 de setembro, cubrindo o formulario que estará habilitado na páxina web do Concello. A información completa pode consultarse na web de Servizos Sociais .
O sistema guiará as persoas usuarias na orde de preferencia das actividades. Quen non dispoña de medios dixitais contará con asistencia telefónica.
Tamén che pode interesar

6 de decembro de 2025

3 de decembro de 2025

28 de novembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible