27 de marzo de 2026
O evento quere celebrar o espírito creativo que une ao autor coa comunidade artística
Ao abeiro da mostra 'Configuracións', de Peter Kramer, este sábado ás 18.00 horas a sala de exposicións do Palacio Municipal de María Pita acollerá o recital poético Caldeirón. Trátase dun evento que busca celebrar o espírito creativo que une ao creador danés coa comunidade artística de Malpica.
A mostra 'Configuracións' dialoga aquí coa historia viva do colectivo Caldeirón, nado hai máis de trinta anos ao redor do Cornecho e doutros espazos que converteron a vila bergantiñá nun foco cultural aberto ao mundo. Os textos lembrarán aqueles primeiros recitais, impulsados por Paco Souto e Paco de Tano, nos que a poesía, a amizade e o risco creativo transformaron a noite malpicá en laboratorio artístico. Nesa mesma atmosfera chegou e quedará Peter Kramer coas súas pezas.
Entre memoria e continuidade, o recital reúne voces que representan ese legado vivo: a expresión libre, o diálogo entre artes e a forza cultural que medra desde a periferia. A poesía dos "poetas do Caldeirón" acompaña así a exposición de Kramer, reafirmando ese vínculo que mantén aberto un camiño común entre creación, territorio e amizade.
Peter Kramer (Roskilde, Dinamarca, 1959) é un artista visual cunha traxectoria consolidada a nivel internacional, e unha práctica desenvolvida ao longo de máis de tres décadas. A súa obra céntrase na investigación do tempo, da repetición e da relación entre corpo e materia, mediante procesos manuais prolongados e unha marcada atención á factura artesanal. Tras unha etapa de formación e traballo en distintos países de Europa, Asia e Australia, establece a súa residencia en Galicia no ano 2000, mantendo desde entón un vínculo estreito e continuado coa Coruña, territorio que inflúe de maneira decisiva na súa produción artística.
A exposición 'Configuracións' reúne un conxunto de obras realizadas entre 2001 e 2025, nas que o artista emprega materiais cargados de memoria e significado, como os nós de algodón, configurando superficies que condensan tempo, proceso e experiencia. Trátase dunha proposta de grande coherencia conceptual e relevancia no ámbito da creación contemporánea.

27 de marzo de 2026

26 de marzo de 2026

26 de marzo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible