21 de maio de 2015
As actividades, que se dirixen a todas as idades e que se desenvolverán entre os meses de xuño a setembro, abren o seu prazo de inscrición
O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, presentou esta tarde as actividades programadas polo Concello para este verán. Así, durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, ofertaranse un total de 218 actividades entre campus, cursos, accións formativas ou eventos deportivos.
"Ofrecemos 218 argumentos para demostrar que A Coruña é unha cidade afanada co deporte. Hai opcións para todos os públicos, todas as idades e todos os gustos", explicou Mourelo.
En total, serán 166 actividades e 52 eventos deportivos. Segundo explicou o concelleiro, ofertaranse 4.307 prazas, en máis de 50 espazos deportivos da cidade: 36 instalacións deportivas municipais e 16 espazos urbanos e naturais. A oferta inclúe máis de 40 modalidades deportivas co principal obxectivo de que a programación de verán chegue ao maior número de persoas posibles. Así, ofértanse deportes populares como baloncesto, balonmán, fútbol, natación, patinaxe ou tenis de mesa; outros con grande aceptación na cidade, como o hóckey ou a hípica; disciplinas que nos últimos tempos experimentaron un aumento importante de participantes como o pádel, o rugby ou o tríatlon; e actividades náuticas como o mergullo, a fotografía submarina, a pesca e pesca submarina, socorrismo ou vela.
Nesta ocasión, a oferta para o verán recóllese baixo o lema Unha cidade afanada co deporte, onde os protagonistas e a imaxe da campaña son os deportistas coruñeses "como grandes embaixadores da cidade", destacou Mourelo, quen engadiu: "Uns son profesionais das grandes ligas, outras conseguen grandes títulos en deportes menos atendidos mediaticamente, algúns dan os seus primeiros pasos en competicións escolares, outros dirixen actividades de lecer educativo ou actividade física. Hainos que mobilizan a familia enteira ou superan barreiras maiores que o resto. Dende os que se ocupan de que todo funcione á perfección nun polideportivo, pasando polos que baten un vello récord e polos que levan toda unha vida. Dende o máis novo ata unha campioa olímpica. Todos deportistas, todos forman parte dunha cidade afanada co deporte".
Francisco Mourelo lembrou que o Concello editará unha guía completa ordenada por modalidade deportiva e data de inicio e aproveitou a ocasión para agradecer a implicación das 60 entidades da cidade que participarán no programa: "O esforzo de asociacións, agrupacións, clubs, federacións, escolas ou centros deportivos fai posible que poidamos ofrecer este amplo calendario de actividades non só durante o verán, senón durante todo o ano", concluíu.
As persoas interesadas en participar nalgunha das actividades que se ofrecen poderán realizar a inscrición -a través da páxina web (www.coruna.es/deportes), nas instalacións da Cidade Deportiva de Riazor, Cidade Deportiva da Torre e no polideportivo municipal do Barrio das Flores- dende o 22 de maio e o 18 de xuño ás 14.00 horas, ou ben, dentro dos seus propios prazos e procedementos de forma directa en cada entidade organizadora.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible