27 de abril de 2015
O autor, Rafael Inglada, o alcalde da Coruña e a directora do Museo de Belas Artes, Ángeles Penas, presentan a publicación, enmarcada nos actos do 120 aniversario da primeira exposición de Picasso
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, a directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas, e Rafael Inglada presentaron hoxe no Museo de Belas Artes o libro Dicionario Picasso - A Coruña (1891-1895).
Negreira destacou a longa traxectoria do autor, biógrafo de Picasso e comisario de exposicións, ao que lle agradeceu o seu "compromiso" e o seu "grande esforzo" á hora de elaborar este dicionario, unha "auténtica enciclopedia picassiana" que contribúe ao obxectivo de "espertar o interese universal polo Picasso coruñés". O alcalde engadiu que o Dicionario Picasso - A Coruña (1891-1895) de Rafael Inglada responde á "recuperación definitiva dunha das etapas menos estudadas do pintor malagueño". "Súmase, desta maneira, ás últimas publicacións editadas ata a data, cerrando o círculo de traballos que, para os especialistas en Picasso e para o público en xeral, supuxo o coñecemento máis exhaustivo dos tres anos e medio que Picasso viviu na cidade galega", remarcou o rexedor. Co libro Picasso azul y blanco. A Coruña: el nacimiento de un pintor e o catálogo da mostra O primeiro Picasso. A Coruña 2015, este dicionario clausura o tríptico da memoria galega do máis universal dos artistas.
A través das súas case 500 páxinas e máis de 1.500 entradas (1.535 en total), Inglada aborda os aspectos máis diversos que Picasso e a súa familia puideron presenciar no arco que vai dende outubro de 1891, en que chegaron á cidade, ata abril de 1895, data en que abandonaron definitivamente A Coruña. Os seus estudos na Escola de Belas Artes e no instituto, os seus profesores, mestres e compañeiros de clase e de xogos, a efervescencia republicana con Pérez Costales como fondo, rúas, materias, músicos, políticos, militares, escritores, exposicións, personaxes da rúa ou prensa en xeral, sen esquecer o mundo tan significativo dos touros e, sobre todo, o das súas primeiras obras coruñesas, conforman o mosaico no cal se desenvolveu Picasso, resumido todo neste volume, imprescindible para situar o pintor no seu contexto histórico e para comprender un pequeno período de propia historia da Coruña.
O dicionario, que se vende ao prezo de 20 euros, cérrase co Anexo (Música e teatro), que reúne todas aquelas manifestacións de zarzuelas, óperas, dramas ou comedias que nesta etapa serviron como esparexemento lúdico aos coruñeses. En palabras de Marilyn McCully, prologuista da obra e especialista internacionalmente recoñecida na figura de Picasso, 'Coa publicación do Dicionario Picasso - A Coruña (1891-1895), de Rafael Inglada, xa é posible expandir o noso propio coñecemento do mundo cultural, político e artístico que o mozo Pablo descubriu na Coruña, dunha maneira máis ampla e detallada como non se fixo antes'.
A publicación forma parte do evento A Coruña 2015. 120 anos despois, promovido polo Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa. Este evento foi declarado Acontecemento de Excepcional Interese Público polo Goberno de España, o que leva beneficios fiscais dende o 1 de xaneiro do 2014 ao 31 de decembro do 2015 para as empresas que patrocinen o programa de actividades. Os patrocinadores de A Coruña 2015. 120 anos despois son Repsol, Gas Natural Fenosa, Estrella Galicia, Vegalsa, Gadisa, Banco Sabadell Gallego, Obra Social La Caixa, Luckia, Abanca, El Corte Inglés e AMA.
A presentación tivo lugar no Museo de Belas Artes, que acolle dende o pasado 19 de febreiro, e ata o 24 de maio, a exposición O primeiro Picasso. A Coruña 2015, que é a actividade principal do evento. A mostra, promovida polo Concello, recibiu máis de 40.000 visitas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible