16 de abril de 2015
Baixo a marca 'San Juan is back', a programación deste ano prolóngase durante 11 días e inclúe a participación de 18 artistas e bandas locais cun repertorio adaptado para o público infantil
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, presentou o programa de actividades San Xoán 2015, que se estenderá entre o 14 e o 24 de xuño, co principal obxectivo de consolidarse como un referente nacional e internacional e lograr que as Fogueiras de San Xoán sexan declaradas Festa de Interese Turístico Internacional.
Baixo a marca San Juan is back (Volve San Xoán), a programación deste ano prolóngase durante 11 días, do 14 ao 24 de xuño, centrada en catro premisas fundamentais: a tradición, a dinamización nos barrios, as actividades infantís e a música.
"A gran novidade deste ano vén da man do proxecto San Xoán Pequeniño na cidade da música e o lume - visitando os barrios no que quixemos unir programación infantil e música e, sobre todo, facelo da man das bandas e músicos locais que se sumaron e apoiaron esta iniciativa de maneira extraordinaria e que levan meses traballando para adaptar a súa música ao público infantil", explicou o rexedor.
Neste sentido, San Xoán Pequeniño visitará os barrios do 15 ao 23 de xuño cunha programación musical deseñada, especialmente para o público infantil, por 18 artistas e bandas locais e que busca facer un repaso pola historia da música. Así, inclúese a música folk galega de Samarrúas; La Comparsita, formación instrumentista da Escola Municipal de Música, fai un percorrido polos ritmos e danzas dos bailes de salón das primeiras décadas do século XX; Bad Apple Blues e Gospel 3 ofrecerán os ritmos jazz, swing e blues dos anos 30 e 40, e o rock chegará da man de Los Claretes, o espectáculo Khítara de José Carballido, The Hellbuckers, ou After All. A Per-Versións Band fará de ponte entre o rock e o pop que aparece en varias propostas: Octopus´s Garden, Los Mecánicos, Los Canívales e Senectud Sideral. A música de autor ten a súa presenza co proxecto capitaneado por Silvia Penide, Música en todo, e o hard rock ou metal por Albarusa. Tamén haberá espazo para propostas máis ecléticas como a de Los Fresquiños, Xurxo Souto ou Chuces Amil.
"Fainos especial ilusión a participación dos músicos locais e a súa colaboración para levar a música aos barrios e sensibilizar o público máis novo, á vez que se visibiliza o gran talento que temos na cidade", destacou Negreira, quen lembrou proxectos de apoio aos músicos coruñeses como o directorio musical, os locais de ensaio, o BipolarFest ou o Noroeste Pop Rock.
"A Coruña é San Xoán -continuou- e A Coruña é música. Por iso apoiamos profundamente o traballo que está a realizar a Asociación Metropolitana Coruña 3.0, en colaboración co Concello, para promover a candidatura da Coruña como Cidade da Música dentro da Rede de Cidades Creativas da Unesco".
A programación en barrios chegará así ao parque de Santa Margarita, praza de Lugo, praza da Cubela, praza de Pablo Iglesias, praza da Tolerancia, Os Mallos - Ángel Senra, parque de Eirís, Novo Mesoiro, Matogrande, Sagrada Familia, praza de Casares Quiroga, praza de España, explanada do Parrote, praza das Conchiñas, Palavea, parque de Oza, barrio das Flores, paseo das Pontes e praza de María Pita.
Ademais da dinamización en barrios, o programa esténdese dende o domingo 14 de xuño. Arrincan así os festexos no parque de Santa Margarita con actividades infantís, sardiñada popular e verbena.
A seguinte fin de semana, sábado 20 e domingo 21, realízase na Torre de Hércules o Festival Internacional do vento Nordés, unha das máis destacadas novidades deste programa, que aposta por facer do Festicor, que tradicionalmente se realizaba no mes de agosto, un festival de primeiro nivel no ámbito nacional, e para iso contará cos mellores papaventistas nacionais e internacionais (Barcelona, Madrid, Bilbao, Portugal, A Coruña e nomes propios como Joan Faura, o papaventista máis veterano de España; Los Hermanos Show Kites; ou Jos & Kaat Valcke, que manexa os papaventos máis grandes do mundo), e numerosos talleres gratuítos para todos os públicos (construción de papaventos, xardíns aéreos, elementos de voo con papiroflexia, e intervencións a cargo de Dolors Puiggros), aos que se sumará un grande espectáculo nocturno np Parrote no que participan distintos artistas con espectáculos relacionados co vento: circo, teatro, pompas de xabón xigantes, música e talleres. Esta fin de semana, a nota musical poñeraa Melendi que presenta no Coliseum o seu último traballo (sábado, 20 de xuño).
A programación complétase, como é habitual, a noite do 23 de xuño con concerto de Nacho Campillo (Tam Tam Go) e A Idade de Ouro do Pop Español, cabalgata, disparo pirotécnico e a tradicional queima da falla na praia de Riazor. O mércores 24, festivo local, será a quenda dos máis pequenos coa realización de San Xoán Pequeniño na praza de María Pita con actividades, concertos, talleres, circo, ou teatro de 12.00 a 20.00 horas.
O alcalde destacou ademais a importancia da colaboración da Comisión Promotora das Fogueiras de San Xoán que desenvolverá un amplo programa festivo durante todo o mes de xuño con máis de 400 actividades.
PROMOCIÓN TURÍSTICA
Carlos Negreira destacou o esforzo por situar o San Xoán a nivel nacional e internacional e explicou que se realizará unha campaña de promoción e comercialización online para os mercados español e portugués; máis de 25 autobuses da compañía Alsa levarán a imaxe das Festas do San Xoán nas súas rutas internacionais; e, por aire, a compañía Vueling seguirá promovendo a cita na súa revista de abordo, igual que Globalia que, ademais, exhibirá cartelería do festexo en oficinas de Halcón Viajes e Viajes Ecuador, coa creación dunha oferta específica, e publicidade nos extractos de pago dos 400.000 clientes da súa tarxeta Visa.
Globalia tamén proxectará o vídeo en oficinas e voos da compañía nacionais, europeos e intercontinentais (19 Boeing e 10 Airbuses) e realizará un sorteo en redes sociais con estancias na cidade.
Dende o Consorcio de Turismo tamén se poñerá en marcha un concurso no perfil de Instagram e Twitter para motivar entre a poboación local o uso do hashtag #sanjuancoruna e dar viralidade á Festa de San Xoán. Realizaranse Press Trip con medios internacionais, realizarase unha guía de lecer con portada e especial de San Xoán, unha exposición fotográfica na Casa de Galicia en Madrid e unha campaña en cinemas coa proxección dun anuncio promocional en 221 salas de León, Lugo, Madrid, Ourense, Pontevedra, Sevilla, Valladolid e Bilbao.
O vídeo de San Xoán, visible na canle de Youtube de San Xoán 2015, estará dispoñible en castelán, galego, inglés, italiano, alemán, francés, portugués e ruso coa canción Hecho con tus sueños de Efecto Pasillo e Leire. Tamén se contará cunha páxina web (www.corunaespiritudefuego.com).
"O labor de promoción fai posible que o San xoán coruñés chegue a millóns de persoas. Seguimos traballando e mellorando para poder superar a cifra de 150.000 participantes tan só na noite do 23 de xuño do ano pasado", destacou Negreira.
O rexedor tamén explicou que se elaborou un dispositivo extraordinario de Seguridade e Mobilidade -que ofrecerá un servizo especial de buses urbanos e de aparcadoiros disuasorios con conexións ao centro da cidade- e outro de Medio Ambiente que recupera a experiencia piloto posta en marcha hai dous anos de repartición de madeira limpa.
Distribuiranse 150.000 programas en castelán e galego por toda Galicia. Ademais, estarán dispoñibles nas webs municipais de Cultura e de Turismo. O investimento nas Festas de San Xoán 2015 é de 400.000 euros, similar ao do ano anterior.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible