17 de mayo de 2025
Natalia Alonso e Subhro Bandopadhyay participan nesta nova sesión, con acceso libre ata completar capacidade
Este luns, 19 de maio, celebrarase unha nova sesión do ciclo Poetas Di(n)versos, a penúltima desta edición. Este programa, dirixido pola Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño, ofrece recitais de poetas galegos/as e foráneos/as cada mes no auditorio do Centro Sociocultural Ágora. A sesión comezará ás 20.00 horas e a entrada será de balde ata completar capacidade. Tamén será posible seguila a través da canle de Youtube de Poetas Di(n)versos.
"Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apoiando unha iniciativa xenuína e única a nivel galego que permite á cidadanía coñecer e gozar ao vivo de grandes nomes da poesía, tanto do país como internacionais", apunta Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. Nesta ocasión, participarán a poeta da Mariña luguesa Natalia Alonso e o poeta indio Subhro Bandopadhyay.
Nacida no norte, en concreto en Vilaronte, no concello de Foz en 1983, Natalia Alonso Ramos é poeta e xornalista. Licenciouse en Xornalismo e é doutora en Comunicación Audiovisual e Publicidade. Na actualidade exerce como redactora no Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa faceta literaria gañou o premio de poesía que outorga a Asociación Cultural O Facho coa obra A síndrome de Hayworth (2019) e a terceira edición do Filomena Dato que convoca o Concello de Bergondo coa obra Advertencias para un traxecto boreal (2023).
En narrativa obtivo en 2022 o segundo premio do certame de narracións breves 'Manuel Murguía' do Concello de Arteixo coa obra En directo, que se publicará este ano dentro do volume de relatos A garza alucinada. Algúns dos seus poemas foron publicados en revistas como a senlleira Xistral ou en obras colectivas como O libro das abellas (2024).
Por outra banda, Subhro Bandopadhyay (pseudónimo de Subhransu Banerjee) naceu en Calcuta, A India, en 1978. Fixo estudos universitarios de Bioloxía e de Lingua Española. Empezou a publicar poesía en revistas bengalís de importancia sendo aínda moi novo. Ata hoxe publicou cinco poemarios en bengalí e, en tradución ao español, La ciudad leopardo (2010), Poemas metálicos (2014) e Sumar sal (2018).
Recibiu a Bolsa Internacional Antonio Machado de Creación Poética no ano 2008 e o Premio Nacional de Escritores Mozos da Academia Nacional de Letras da India en 2013. Os seus poemas foron traducidos a linguas tan diversas como, entre outras, inglés, hindi, árabe, alemán, galego ou maratí. Participante en numerosos eventos literarios, feiras do libro e festivais poéticos de sona, na actualidade reside en Nova Delhi, onde é profesor de español no Instituto Cervantes.

20 de diciembre de 2025
19 de diciembre de 2025

18 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible