28 de abril de 2015
O acordo, ademais de mellorar e ofrecer unha maior cobertura de transporte público á cidadanía, permite dar resposta a unha demanda histórica dos veciños de Arteixo de hai 30 anos
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asinou esta mañá coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e co rexedor de Arteixo, Carlos Calvelo, o convenio que desbloquea unha histórica demanda veciñal de hai 30 anos e posibilita dar servizo aos residentes de Meicende e que a liña 6 do bus urbano coruñés poida parar no municipio arteixán.
Carlos Negreira destacou que a sinatura deste convenio de colaboración entre os concellos da Coruña e Arteixo e a Xunta supón dar un paso definitivo para contar, a partir deste xoves, 30 de abril, cunha conexión directa entre o núcleo de Meicende (Arteixo) e a cidade a través do transporte público urbano. En concreto, serán catro paradas en Arteixo e un total de 5 buses cada hora (unha frecuencia dun autobús cada 12 minutos) a través da liña 6.
"Este convenio é unha boa noticia para máis de 3.500 veciños de Meicende, pero tamén para todos os coruñeses; porque mellorando o transporte público melloramos a calidade de vida, a mobilidade e as condicións ambientais. A cooperación é básica e importante para resolver os problemas da cidadanía no século XXI", afirmou Negreira. Neste sentido, a conselleira de Infraestruturas e o alcalde de Arteixo tamén coincidiron en que a vontade de diálogo e de colaboración entre as tres administracións contribuíu á sinatura deste acordo.
O novo servizo de transporte prestarase a partir do xoves, 30 de abril, a través da actual liña 6 do bus urbano coruñés. A subscrición do convenio non supoñerá achega económica por parte do Concello coruñés á Compañía de Tranvías da Coruña, pois será o municipio de Arteixo o que deberá facerse cargo de lle aboar á empresa o gasto correspondente no caso de que sexa preciso. Así, o novo servizo non supoñerá un custo adicional para os veciños da Coruña e os residentes de Arteixo pagarán polo billete de bus o mesmo que un usuario coruñés.
O alcalde coruñés destacou que este novo convenio cumpre as directrices marcadas no primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) da Coruña e ofrecer unha mellor e maior cobertura de transporte público, impulsando a intermodalidade, á vez que permite reducir o uso do vehículo privado.
Negreira lembrou que no 2015 mantense conxelado o prezo de bus urbano en todas as súas modalidades -o que supón que o usuario conta por terceiro ano consecutivo coa mesma tarifa social e, por segundo ano, co bonobús ordinario- e que este ano tamén se puxo en marcha a Tarifa PMUS, para que o bus urbano custe menos canto máis se usa.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible