25 de xaneiro de 2016
Xulio Ferreiro participou no sorteo de emparellamento dos equipos finalistas da Copa do Rei da ACB, que se disputará na cidade entre o 18 e 21 de febreiro. Lonxe de localismos, é para nós un pracer acoller como equipo da casa ao Obradoiro de Santiago, destacou
O Pazo de María Pita acolleu este luns o sorteo de emparellamento da fase final da Copa do Rei de Baloncesto, que se disputará entre os días 18 e 21 de febreiro na Coruña. No evento participaron representantes de cada un dos equipos clasificados para o torneo. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, así como o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o entrenador do Deportivo, Víctor Sánchez del Amo, e o xogador Lucas Pérez, foron as mans inocentes encargadas de realizar o sorteo. Antes de levarse a cabo o mesmo, o rexedor manifestou que a cidade debe acoller á celebración da Copa do Rei da ACB “como un evento deportivo de primer nivel, que representa moito máis e que debemos afrontar como motor económico, oportunidade e reivindicación de valores, cuestións todas elas fundamentais nestes difíciles tempos”.
O primeiro edil reflexionou sobre a celebración deste evento nunha cidade que aposta polo deporte de base. “Esa adrenalina e esas emocións que se vivirán no Coliseum nos colocarán entre os máis granado da elite baloncestistica, pero tamén ante sensacións moito máis fondas, que nos levan a situar na primeira liña os principios populares, que trazan pontes como as que debemos establecer entre os grandes xogadores, que disputarán a competición ante millóns de ollos, e os rapaces e rapazas que botan unhas pachangas en calquera das canastas que hai e que estamos a colocar na cidade”. “Un deporte que olvida as súas orixes torna noutra cousa, traiciónase a si mesmo. Non caeremos nese erro. Sabemos que as canastas das estrelas só teñen sentido se fan mellor a quen a esta hora lanza un balón ao taboleiro en calquera barrio da Coruña. Non existen uns sen os outros”; engadiu.
Por outro lado, Ferreiro manifestou que o evento deportivo “non será exclusivo da Coruña, será a copa de toda Galicia”. “Reivindicamos o básquet local, o do vello Bosco e Fernando Romay; o do Básquet Coruña e as súas poboadas categorías de base”, indicou, para engadir: “Pero tamén somos Galicia, e lonxe de localismos e rivalidades mal entendidas, é para nós un pracer acoller como equipo local ao Obradoiro de Santiago. Nunca 70 quilómetros estiveron tan preto”.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible