Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de xaneiro de 2017

O alcalde presenta o novo portal de transparencia do Concello, "que afonda na cultura impulsada por este Goberno das obrigas que deben asumir os poderes públicos"

Ferreiro explicou que “a transparencia debe entenderse como unha liña de actuacións que achega a acción institucional á cidadanía”, á vez que amosou as novidades do portal, onde entre outras cuestións, a veciñanza terá acceso “a axenda institucional” do rexedor

O alcalde, Xulio Ferreiro, presentou esta mañá de forma pública a posta en funcionamento do novo portal de transparencia do Concello da Coruña. "Botamos a andar esta páxina de forma experimental, cun contido que irá ampliándose e mellorando nos próximos días e que afonda na transparencia, como un dos obxectivos fundamentais deste Goberno local", explicou o rexedor, que aclarou que a transparencia "non pode ser entendida como unha política sectorial, senón como unha forma de organización e de actuación, unha cultura nova na que hai que afondar progresivamente". O responsable municipal recordou que "o de hoxe non é un punto de chegada, senón que é un paso máis dentro dunha forma de actuar que acreditamos dende o primeiro día". Así, recordou que, coa chegada a María Pita do actual Executivo local, e despois das reivindicacións cidadás que partiron de movementos como o 15M, o Goberno municipal impulsou unha serie de actuacións encamiñadas "a facer da transparencia un fío fundamental en política". "Este non é o primeiro paso que damos neste sentido, xa que dende o primeiro día, con nós, a oposición ten acceso ás xuntas de Goberno local, contamos con perfís municipais nas redes sociais, cousa que antes non existía, e retransmitimos en directo os Plenos da Corporación", recordou. "O compromiso coa transparencia baséase en entendela como unha liña de actuación para achegar a acción institucional á cidadanía, e para que sirva como antídoto ante o oscurantismo e ante prácticas non desexadas. Forma parte do dereito que ten a xente de estar informada da acción do seu Goberno e a súa Corporación Municipal", explicou.

Ferreiro destacou que a posta en marcha esta xornada do portal de transparencia ten como  obxectivo o de "incorporar ao traballo habitual dos servizos municipais unha nova obriga, como é a de publicar e ter ao día á cidadanía das actuacións do Goberno, con datos e información sobre as decisións que se toman". "O portal web é unha parte máis deste proceso. Nos próximos días e semanas irase testeando, mellorando e completando, xa que aínda faltan datos, como por exemplo as achegas que os outros grupos municipais queiran facer a este portal de transparencia", engadiu.

O alcalde explicou ante a prensa o funcionamento da web de transparencia, na que, dende o principio, "buscouse un manexo sinxelo, así como facilidade para que, tal e como regula a lei de transparencia, a cidadanía poida solicitar acceso a determinados datos, se é que non están xa presentes na propia páxina". Entre outras cuestións, a páxina recolle no seu apartado de Organización Municipal un breve currículum de todos os membros do Goberno, ademais do persoal eventual e os seus salarios. Ademais, o alcalde destacou que "dende esta xornada" a súa axenda institucional terá carácter público, sendo así posible que a cidadanía coñeza con quen se reúne o mandatario local. "Seremos, non obstante, coidadosos, con toda a información relativa ás persoas coas que me reúna, sen que aparezan os seus nomes, senón entrevista de atención á cidadanía", aclarou o primeiro edil, quen indicou que, nas próximas semanas, as axendas do resto de concelleiros e concelleiras do Executivo tamén se irán facendo públicas.

Dentro do portal de transparencia tamén se activarán outros servizos que inciden directamente na participación cidadá e nos procesos de rendición de contas, como é o caso do apartado Onde van os meus impostos?, aplicación desenvolvida pola Fundación Civio, organización sen ánimo de lucro que traballa pola transparencia informativa e a apertura de datos a través do uso da tecnoloxía. "Con esta ferramenta, ofrecemos información accesible a toda á cidadanía sobre os orzamentos municipais, de onde veñen os ingresos e en que se empregan ou do grado de execución orzamentaria", explicou o alcalde, quen na rolda de prensa estivo acompañada por unha responsable de Civio, Sonia Pérez Hernando, quen explicou que esta entidade traballa cunha vintena de administracións públicas en todo o Estado español entre concellos e autonomías. "Cremos que é fundamental poñer en marcha actuacións coma esta para xerar unha cultura política baseada na transparencia mediante o empoderamento da cidadanía", dixo.

A nova web tamén fará máis accesible, aplicacións que xa están dispoñibles noutras páxinas municipais, como é o caso por exemplo do Visor de obras públicas, que se atopa dentro da pestana que atinxe a Urbanismo e Obras Públicas, e que ofrece información das actuacións que se están a levar a cabo en toda a cidade, das que están rematadas, en obra, ou en fase de licitación ou adxudicación.

 

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión