Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de marzo de 2017

O alcalde propón novos usos para os peiraos da cidade, cun museo marítimo e espazos verdes en Batería e Calvo Sotelo e a creación dun Distrito do Mar dedicado á economía azul en San Diego

Nunha conferencia dentro da Tribuna Galicia do Fórum Europa, Ferreiro avanzou os proxectos de uso para os espazos da fachada marítima da cidade e chamou a establecer “un novo marco de colaboración entre as institucións”, para asegurar a titularidade e xestión pública da fachada marítima, a través dun consorcio público de liderado municipal

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, ofreceu esta mañá unha conferencia no marco dos almorzos informativos organizados por Fórum Europa. Celebrado no Hotel Finisterre e presentado polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o rexedor incidiu na importancia de construír un modelo de cidade, unha Coruña Próxima, baseado "na interpretación das potencias do espazo e o tempo no que a xente que nos rodea quere vivir, e ter o valor de escoller e de decidir". Así, o primeiro edil, insistiu na importancia de artellar un "pacto de cidade, pola cidade" tanto cos grupos na oposición como coa propia veciñanza no que, nun primeiro termo, existen tres grandes desafíos: o cambio de modelo de mobilidade, a construción da Área Metropolitana e o novo horizonte litoral, o futuro da fachada atlántica. No que atinxe a este último eixe fundamental para o futuro da cidade, Ferreiro reafirmouse na necesidade de revisar os convenios firmados entre Concello e Goberno central en 2004 sobre os terreos portuarios. "Talvez estes acordos tivesen sentido nese momento, pero hoxe en día son unha hipoteca para o bordo litoral, á luz do acontecido nestes trece anos coa burbulla inmobiliaria e do que hoxe é A Coruña", indicou o alcalde, que avogou por, ante ese escenario, "marcar un novo horizonte". "A cidade enfronta un proceso ilusionante, onde é necesario reabrir o debate e reapropiarnos do noso litoral. Definir o futuro do bordo litoral é unha decisión complexa e vital, que hai que tomar coa xente", salientou o mandatario local, quen avanzou algún dos usos plantexados polo Goberno local para os terreos que irán sendo desafectados pola Autoridade Portuaria e que, en todo caso, serán consensuados coa cidadanía e os axentes e institucións implicadas. En concreto, avanzou a posibilidade de que os peiraos interiores sexan "unha prolongación da cidade dedicada ao equipamento dotacional público" no que se inclúa un Museo do Mar e da Emigración e zonas públicas e espazos verdes, mentres que o peirao de San Diego poida albergar un Distrito do Mar, "entorno orientado á innovación e a economía azul, centrado en sectores estratéxicos como a pesca".

Calvo Sotelo e Batería

Ferreiro manifestou a respecto da nova proposta de usos para os terreos do bordo litoral que os peiraos de Calvo Sotelo e de Batería poidan converterse "nunha prolongación da cidade dedicada ao equipamento dotacional público, ao espazo libre público e ás zonas verdes públicas". "Unha nova alameda sobre a auga encabezada por un equipamento singular", dixo Ferreiro, que adiantou que "se unha cidade merece e ten capacidade para contar cun Museo do Mar e a Emigración, un gran centro sobre a cultura marítima en todas as súas manifestacións, da ciencia á memoria, é a cidade da Coruña". "Na nova ordenación de Calvo Sotelo e Batería deberiamos ter en conta a especial configuración da zona e as necesidades potenciais da cidade en materia de servizos. Ademais, cumpriría potenciar a rehabilitación das estruturas que hoxe existen, algunhas delas catalogadas e en desuso, así como suprimir o aproveitamento lucrativo privado, axustando as alturas máximas das novas edificacións á contorna", destacou o alcalde, que aludiu a que hoxe en día, A Coruña conta cunha ratio de espazos libres de 7,8 metros cadrados por habitante, moi por debaixo das recomendacións da Organización Mundial da Saúde.

Peirao de San Diego

No que atinxe ao peirao de San Diego, Ferreiro avanzou que "fronte ao desmantelamento do pulmón económico da Coruña para convertelo nunha urbanización con miles de vivendas de até 10 alturas, en San Diego temos unha oportunidade para relanzar a economía da Coruña e abrir novas oportunidades para o emprego coa creación dun Distrito do Mar dedicado á economía azul". "A creación de distritos de innovación, de maneira sostible, é unha das estratexias que mellor funcionan á hora de impulsar á innovación e a creación de proxectos de impacto", indicou. "A Coruña reúne todas as condicións para impulsar un ecosistema de innovación arredor do mar, un Distrito do Mar. Ten tradición, un importante sector económico, centros tecnolóxicos, axentes empresariais con capacidade, centros universitarios e un espazo de oportunidade a carón da costa, próximo á cidade e dotado de infraestruturas", comentou Ferreiro. "Entre elas, unha de vital importancia é o ferrocarril, aproveitando a estación de San Diego e a súa integración na rede metropolitana de transporte e o tren de proximidade", engadiu.

"Neste Distrito do Mar poderiamos crear un entorno de impulso económico, centrado en sectores estratéxicos en Galicia como a pesca, a acuicultura sostible, a industria transformadora, a tecnoloxía naval e as enerxías renovables onde convivisen centros tecnolóxicos, equipamentos de aprendizaxe orientados á ciencia, recursos para o emprendemento, industrias intelixentes e actividades pesqueiras, mantendo as que xa existen hoxe e potenciándoas", explicou o alcalde, que fixo notar que "para o éxito dunha iniciativas destas características é imprescindible acertar na súa coordinación e no seu liderado, esencialmente en dous aspectos: una axeitada selección dos axentes, con vocación de xerar valor a través da cooperación e a innovación aberta e unha programación que favoreza a conexión entre os elementos, a mestura de disciplinas e o desenvolvemento de proxectos ambiciosos". "Este Distrito do Mar debe estar conectado coa cidade e coa cidadanía. A lonxa e o porto pesqueiro deben ter  non só un oco, senón un futuro mellor neste ecosistema. A lonxa da Coruña pode converterse nun mercado estratéxico, e o sector pesqueiro en xeral, beneficiarse da súa ubicación, apuntou.

Compromiso entre administracións

Para desenvolver estes proxectos, Ferreiro plantexou durante a intervención a necesidade dun compromiso entre as administracións implicadas. "Sen elas, dificilmente haberá espazos libres arredor dun Museo do Mar e a Emigración, e tampouco será posible impulsar un Distrito do Mar exitoso sen a aposta dos axentes económicos", sinalou, e, neste sentido, reafirmouse na proposta do Goberno local para a creación dun consorcio público "que implique a distintas administracións e reúna unha capacidade de investimento suficiente para impulsar un novo proxecto para o bordo litoral, que asegure a titularidade pública dos terreos portuarios e a iniciativa pública na súa transformación, para impulsar un novo proxecto que substitúa o marcado polos convenios de 2004". A este respecto, remitiuse á proposta trasladada en xaneiro polo Concello ao presidente da  Autoridade Portuaria e o de Portos del Estado (como representación do Ministerio de Fomento), e que tamén foi transmitida ao presidente da Xunta e da Deputación coruñesa, e emprazou a todas estas administracións, xunto co ADIF, como titular da infraestrutura ferroviaria do peirao de San Diego, a "sentar á mesa e comezar o diálogo".

"Temos que establecer un novo marco de colaboración entre estas administracións arredor dun novo proxecto que deixe sen efecto os convenios urbanísticos de 2004. É preciso definir o ámbito de actuación e marcar as etapas na transformación do bordo litoral", advertiu o rexedor, quen chamou tamén a determinar "os terreos que sexa necesario desafectar e programar os procedementos concretos de desafectación, con sentido común e compromiso co interese público". "Hai que programar as modificacións do PXOM, sinalando criterios de ordenación, prazos e instrumentos de desenvolvemento, e, igualmente, planificar a modificación da Delimitación de Espazos e Usos Portuarios do Porto da Coruña, así como o Plan Especial do Porto", observou, para sinalar como último punto deste proceso a creación dese consorcio público, como ente que xestione os terreos portuarios, "unha vez definidas as achegas económicas e compromisos de cada parte, os seus obxectos, o seu réxime de funcionamento e o seu liderado, que deberá recaer no Concello da Coruña, que é o encargado de facer cidade", recordou, aludindo ás declaracións recentes do presidente de Portos del Estado, José Llorca, que así o recoñecía na xuntanza co alcalde e o presidente do Porto coruñés.

Foro de debate e consulta

Durante a intervención, Ferreiro tamén puxo de relevo o papel que debe ter a cidade neste proceso, "un dos tres grandes desafíos que temos por diante -xunto co cambio de modelo de mobilidade e a construción da Área Metropolitana-, que esixen a implicación de todos e de todas, dun pacto de cidade e pola cidade-. "Impulsar este novo horizonte litoral require dun debate amplo e dunha participación global a partir dunhas premisas básicas: cero especulación, titularidade e xestión públicas, reconquista cidadá da beira litoral e relanzamento dos usos produtivos no porto, e que deberá necesariamente conducir a ese gran pacto de cidade, que involucre a todos e a todas na toma de decisións e no exercicio de imaxinación que temos por diante, e onde as administracións e os axentes económicos aposten polo futuro da Coruña", salientou.

A este respecto, o rexedor referiuse aos movementos que desde a veciñanza "empezan a pedir espazos de debate e a facerse escoitar". "A cidade quere decidir que modelo económico quere, que papel ocupa o porto nese modelo económico, a que dedicamos o noso bordo litoral, e o que nos toca facer dende o Goberno municipal é acompañar esa demanda, facilitar un debate o máis amplo, transversal e rico posible, alimentar esa conversa pública con prospeccións rigorosas sobre a viabilidade dos distintos proxectos e, en última instancia, preguntar", manifestou, anunciando que o Goberno local porá en marcha nas próximas semanas un "foro aberto", previo á formulación da consulta á cidadanía cuxa tramitación iniciou a administración local hai varias semanas.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión