Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de setembro de 2016

O alcalde salienta a actuación e coordinación dos equipos municipais de emerxencias no primeiro simulacro de accidente de mercancías perigosas que se realiza na cidade, desenvolvido na XI Semana da Prevención

No exercicio, que tivo lugar este martes no polígono de Agrela, interviñeron todos os corpos municipais, ademais da Policía Nacional e o TEDAX, Cruz Vermella, 061 e 112

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, estivo presente, na mañá deste martes, no simulacro realizado polos corpos de emerxencias das distintas administracións no polígono de Agrela co gallo da XI Semana da Prevención, que organiza o Concello a través do servizo de Bombeiros, un exercicio onde os equipos profesionais realizaron o rescate de varias persoas no contexto dun accidente entre un turismo e un camión de transporte de mercancías perigosas, o primeiro operativo destas características que se realiza na cidade. "Nun simulacro coma este póñense a proba cada un dos equipos e a todas as entidades e profesionais implicadas nunha situación deste tipo, por iso búscase a participación do maior número posible", salientou ao remate o rexedor, quen sinalou entre os obxectivos desta acción a implantación "dunha cultura preventiva", ademais da comprobación dos protocolos de actuación establecidos para casos coma este e a coordinación entre os diferentes equipos de emerxencias, e destes con outros actores implicados, como empresas ou transportistas. Na operación interviñeron o conxunto de corpos municipais de emerxencias, como son Bombeiros, Policía Local e Protección Civil, e igualmente a Policía Nacional e a unidade TEDAX (o equipo Técnico Especialista en Desactivación de Artefactos Explosivos do 091), os servizos sanitarios de 061 e Cruz Vermella e o Centro de Atención de Emerxencias 112 da Xunta. Esta administración, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, foi a encargada de activar o Plan Especial de Protección Civil fronte ás emerxencias por accidentes no transporte de mercancías perigosas (TRANSGAL) en situación 1 e de realizar un seguimento da evolución da mesma.

Nas manobras ensaiouse á evacuación de tres persoas feridas tras o choque dun turismo contra un camión cisterna de transporte de mercancías perigoras no que se produce unha fuga que posteriormente entra en combustión, o que, segundo destaca o responsable municipal de Seguridade Cidadá, supón "unha complexidade múltiple" pola variedade de respostas a dar, que vai desde o control e extinción de incendios a rescate de vítimas ata o traslado e atención das  vítimas. Os equipos de emerxencias simularon o rescate das dúas persoas ocupantes do turismo, unha das cales presentaba queimaduras e a outra, politraumatismos consecuencias da colisión e, igualmente, do transportista, en parada cardiorrespiratoria. Tamén, no operativo procedeuse á evacuación dun centro de traballo afectado polo incidente, os talleres municipais, e á reanimación dunha persoa que traballa neles, que sufre tamén unha parada cardiorrespiratoria. Esta parte da manobra serviu para trasladar consellos preventivos para unha situación destas características nun centro de traballo, desde o corte da subministración eléctrica e de gas ou o peche de portas e ventás a directrices como é proceder á evacuación en dirección oposta ao vento ata zona segura ou a non utilización de vehículos persoais ou do teléfono móbil.

Ao longo da intervención, os equipos profesionais de emerxencias estableceron as distintas zonas de traballo e actuaron en colaboración da seguridade privada do polígono, que axudou nas tarefas de evacuación e comunicación do estado de alerta, tanto ás empresas como á asociación empresarial de Agrela. Como última parte do exercicio, os bombeiros detectan, na revisión final da emerxencia, un suposto artefacto explosivos, o que require da participación do TEDAX, que realiza as comprobacións sobre a natureza do dispositivo antes de preceder á súa neutralización.

A XI edición da Semana da Prevención, que se celebra desde o pasado venres ata mañá, mércores 28, ofrece, na praza de María Pita, distintas actividades e charlas sobre prevención, dirixidas a todos os públicos, e que abordan temáticas como as pautas de comportamento nun accidente de tráfico ou uso dun extintor ou actuacións en caso dun incendio doméstico, entre outras, ademais de actividades formativas en varios centros de ensino da cidade.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión