Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de agosto de 2017

O alcalde salienta que o Teresa Herrera deste ano “marca o inicio dunha tempada na que o Concello estará ao carón do deportivismo, mentres que o equipo asumirá un maior compromiso co deporte base da cidade”

Xulio Ferreiro recibiu no Pazo de María Pita a representantes dos equipos que participarán na histórica competición estival, a última que se celebrará antes do inicio das obras de remodelación e cambio das cubertas de Riazor que asumirá Concello

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, recibiu esta mañá no Pazo de María a representantes dos equipos participantes na LXXII edición do Trofeo Teresa Herrera de fútbol, co que colabora o Concello, e que enfrontará ao equipo feminino do Deportivo da Coruña co Athletic Club, así como ao conxunto masculino co West Bromwich Albion. Nun acto no Salón de Plenos municipal, o rexedor destacou as particularidades do trofeo deste ano, que antecede ao inicio dunha competición "na que temos depositadas, todos e todas, moitas esperanzas, co desexo dun Dépor máis grande e máis noso". "Este Teresa Herrera marca o inicio dunha tempada na que, por primeira vez, o Concello vai estar a carón do deportivismo e do seu club como entidade colaboradora e, a súa vez, o Deportivo vai asumir un maior compromiso coa cidadanía e co deporte base", dixo.

"Como goberno local, a nosa obriga é a de coidar a nosa cidadanía e iso, necesariamente, pasa por coidar Riazor e por coidar ao Dépor. Apoialo na súa vertente emocional, deportiva e económica, xa que falar do club branquiazul é facelo tamén dun motor de actividade do que se beneficia toda a cidade. Se lle vai ben ao Dépor e se lle vai ben ao deportivismo, vaille ben á Coruña", dixo o rexedor, nun acto no que estaban presentes, entre outros, o presidente do Deportivo, Constantino Fernández; a secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez; o director do West Bromwich Albion, Martin Goodman; o directivo do Athletic Club Jokin Gárate; o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Juan Luis Villamisar, e o presidente da Asociación Fútbol Afeccionado da Coruña (AFAC), Manuel Vázquez. Por parte do executivo municipal, tamén estaban presentes a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e o titular da Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande.

O primeiro edil coruñés recordou que este será o último Teresa Herrera que se dispute antes de que comecen as obras de rehabilitación e cambio de cubertas previstas polo Concello da Coruña para Riazor. "unha obra custosa que nos vai permitir acabar cunha eiva de longa traxectoria que, mentres tanto, por certo, estamos a minorar cun contrato de mantemento que antes non existía. Unha obra que irá acompañada ademais dunha aposta pola mellora da contorna e da fachada do estadio, que é unha das caras da nosa cidade atlántica", sinalou, para engadir: "E esta tamén será, á vez, o primeiro Teresa Herrera que disputaremos tras a revisión dun acordo de colaboración do ano 2000, que levará ao Dépor a asumir un papel que sempre debeu ter, a dunha entidade comprometida co deporte base desta cidade".

Á marxe, Ferreiro tamén destacou que este será o segundo ano no que o Teresa Herrera conte coa participación do equipo feminino do Deportivo. "A pasada edición foi moi importante porque dábamos un enorme paso a favor da igualdade de xénero nun dos ámbitos onde, durante décadas, semellou máis complicado avanzar", recordou. "O ano pasado foi histórico, mais creo que ese ano aínda vai a ser máis significativo, xa que é o ano da normalización. A visibilización da categoría feminina xa non é unha novidade, senón unha realidade", observou.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión