4 de setembro de 2017
Os traballos en Orillamar rematarán esta mesma semana, mentres que as actuacións enmarcadas no proxecto Camiño do Vixía finalizarán a mediados de outubro
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado polo edil de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, e a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, visitou esta mañá as actuacións de mellora do espazo público que o goberno local está a levar a cabo en Monte Alto, tanto na rúa Orillamar como Marola e Rolda de Monte Alto, as dúas últimas enmarcadas no proxecto Camiño do Vixía, unha proposta impulsada polo executivo coruñés para mellorar a habitabilidade no barrio. A iniciativa, que foi referendada por un proceso de participación cidadá, parte da creación dunha senda de prioridade peonil que vertebre o barrio e conecte, da maneira máis natural posible, os distintos equipamentos públicos do mesmo. Tal e como sinalou o rexedor, o proxecto, que na súa primeira fase comporta a peonalización dun tramo da rúa Marola e a reordenación dos elementos na Rolda de Monte Alto, supón "a humanización desta zona do barrio", ademais da mellora da mobilidade e seguridade peonil nunha área que conta, nas súas inmediacións, cun centro escolar.
"Estas intervencións forman parte do proxecto de cidade deste goberno, Coruña Próxima, un modelo de cidade para a xente, que procura actuar nos barrios de xeito que estes sexan lugares máis amables para vivir, non só para facilitar o tránsito peonil, senón para gañar espazo para a veciñanza na súa propia contorna", explicou Ferreiro, en relación á reurbanización das beirarrúas, a implantación da plataforma única e da creación de pequenas estancias con bancos "que facilitarán a actividade de socialización da cidadanía", ademais de mellorar as condicións de seguridade peonil "dun camiño que remata no CEIP Víctor López Seoane".
Os traballos na rúa Marola, nos que o goberno local investirá 141.589,76 euros, consisten na reurbanización do treito correspondente aos primeiros 100 metros da vía, entre Santo Tomás e Suevia, para transformar a superficie en plataforma única, co uso dun pavimento liso e sen irregularidades, e continuo nas bandas para o paso do tráfico na intersección coas rúas Suevia, Doutor Ferrant e a continuación de Marola. "Esta peonalización, enmarcada no Camiño do Vixía, facilitará a mobilidade e o tránsito peonil no barrio desde a rúa Torre, ademais de poñer en valor o camiño escolar seguro que emprega o alumnado para chegar ao seu centro", explicou o alcalde.
A actuación, que supón a eliminación de 16 prazas de aparcamento para vehículos privados, compensarase co aumento de espazos na rolda de Monte Alto, ata 64, grazas á supresión da mediana e a reordenación das prazas cunha nova disposición en batería, que contribúe ademais ao calmado do tráfico. Con esta actuación, que comezou o pasado mes de xullo e cuxo importe de adxudicación foi de 92.075 euros, "crearanse novas prazas de aparcamento para un barrio que presenta dificultades para o estacionamento en superficie", incidiu Ferreiro, quen tamén lembrou que o goberno local tamén ampliará as orellas dos pasos peonís "para aumentar a comodidade e seguridade peonil", á vez que se procederá á plantación de máis dunha ducia de árbores na zona. Tanto as obras da Marola como da rolda de Monte Alto finalizarán a mediados do mes de outubro, segundo avanzou o rexedor.
O alcalde tamén valorou positivamente as actuacións de repavimentación que a Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda está a levar a cabo na rúa Orillamar, "e que intentan corrixir deficiencias históricas na súa calzada", segundo sinalou, a causa da degradación que sofre a superficie "polo mal estado da capa inferior". Os traballos, que comezaron o pasado 17 de agosto, teñen un custo de 60.652 euros e rematarán esta semana. Durante este período, os servizos municipais tamén realizaron a substitución dunha serie de tapas da rede de sumidoiros, xa que, debido ao tránsito de vehículos, convértense en foco de ruídos. "Estamos a falar de obras en tres rúas que supoñen unha actuación conxunta e necesaria no barrio, que provocará unha mellora notable tanto da mobilidade como da calidade de vida da veciñanza de Monte Alto", aseverou Xulio Ferreiro.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible