4 de febreiro de 2026
A mostra recolle 15 imaxes tomadas polo fotógrafo ucraíno Sergey Antonenko, residente na Coruña, que percorriu latitudes tan lonxanas como Groenlandia, Islandia ou a Terra do Lume, entre outras
O Concello reforza a súa programación cultural na rede municipal de Museos Científicos Coruñeses, que suman unha nova exposición fotográfica no Aquarium Finisterrae, «Unha historia de pingüíns», con imaxes tomadas por Sergey Antonenko, un fotógrafo ucraíno residente na Coruña.
A mostra está formada por 15 imaxes de pingüíns antárticos realizadas por Antonenko, apaixoado viaxeiro que dedicou gran parte da súa obra á cuestión da auga e os seus habitantes, fotografándoos en lugares como Groenlandia, Islandia, a Antártida, Terra do Lume e Sudáfrica. Os seus traballos foron galardoados en concursos internacionais, como o Prix da Photographie que recibiu en 2025, ou o Paris (PX3) de bronce na categoría «Natureza/Auga», pola súa serie «Icebergs».
As fotografías desta exposición amosan diversos aspectos da bioloxía, comportamento e hábitat dos pingüíns, así como as ameazas ás que están expostos. Son aves adaptadas á contorna antártica mariña, e a súa historia biolóxica está condicionada polos cambios climáticos que condicionan a expansión e contracción dos xeos. Das 18 especies coñecidas, 11 están ameazadas, e o quecemento climático está a provocar o descenso das súas poboacións.
A exposición, habilitada no corredor López Seoane do acuario coruñés, supón un novo aliciente para achegarse ao museo, onde, como lembrou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, tamén está aberta a visitas a mostra fotográfica «Antropoceno», de Fernando Moleres, baseada na época xeolóxica que a humanidade creou alterando o clima, a xeoloxía e o ecosistema planetario.
"Ambas as mostras redondean perfectamente a oferta divulgativa coa que xa conta o Aquarium Finisterrae, un espazo único que amosa o vínculo da nosa cidade co océano e, ademais, está concibido para un público interxeracional", indicou o edil, que animou á cidadanía a visitar o museo aproveitando a apertura destas dúas exposicións.

30 de xaneiro de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible