30 de xaneiro de 2026
'Antropoceno', de Fernando Moleres, estará dispoñible ata o 30 de xuño, e os centros escolares da cidade poderán facer visitas gratuítas
O Aquarium Finisterrae acolle ata o 30 de xuño a exposición fotográfica Antropoceno, de Fernando Moleres. O Antropoceno é a nova época xeolóxica que a humanidade creou alterando o clima, a xeoloxía e o ecosistema planetario.
As causas son o modelo de produción de enerxía a partir dos combustibles fósiles e o excesivo consumo de recursos dunha poboación que non deixa de crecer. As consecuencias son alteracións no clima, no ciclo da auga, a destrución de ecosistemas mariños e terrestres, o aumento de fenómenos meteorolóxicos extremos, a acidificación dos océanos, o desxeo da criosfera e o incremento do nivel do mar. A solución, explican os promotores da exposición, está en utilizar fontes de enerxía renovables e non contaminantes, e no uso responsable dos recursos naturais. Ignorar os riscos pode resultar extremadamente custoso.
A mostra, que se presentou na sala Isabel Castelo do Aquarium Finisterrae, quere manter o seu obxectivo de fomentar a sensibilización social cara á crise ambiental que estamos a vivir. Contén cincuenta imaxes que percorren as balsas de decantación da mina de Riotinto (Huelva), con lodos alaranxados repletos de substancias tóxicas, a central eléctrica de carbón de Belhatów (Polonia), a máis grande e contaminante de Europa, refuxiados climáticos asentados nos suburbios de Accra (Ghana) o parque fotovoltaico Núñez de Balboa (Badaxoz), o maior de Europa, a planta termosolar de Cerro Dominador (Chile), a máis grande de América, o lixo electrónico enviado ilegalmente a Ghana para evitar custos de reciclaxe, ou o glaciar Birch, que colapsou e sepultou o pobo de Blatten, en Suíza.
Tamén hai imaxes de escenarios máis próximos, como a dun grupo de mulleres en labores de limpeza na costa de Fisterra tras a vertedura do petroleiro Prestige, dos incendios en Galicia durante o verán de 2025, ou das mariscadoras das Rías Baixas, unha actividade que segue un plan de competitividade e sustentabilidade.
Os centros escolares da Coruña poderán facer visitas grupais gratuítas. Os de fóra da cidade, logo da solicitude previa, tamén poderán solicitalas durante o mes de febreiro. Os centros membros da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias tamén poderán acceder sen custo.

3 de novembro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible