4 de maio de 2026
O artista Alejandro Mosquera, veciño do barrio, elaborou o cadro conmemorativo que ilustra a Festa dos Maios. Será exposto o sábado 9 e estará á venda o domingo 10
O rapeiro Al Safir, Mediarea e Rapariga DJ serán varios dos pratos fortes da programación, que inclúe o xa tradicional Mercado das Flores e o concurso de tortillas
A nova tempada das festas nos barrios da Coruña arrincará motores nos vindeiros días, co Barrio das Flores como punto de partida. Será esta fin de semana, entre o venres 8 e o domingo 10, tres xornadas consecutivas de celebracións nas que haberá actuacións musicais e actividades ao aire libre para todos os públicos.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, acompañado polo secretario da Plataforma Veciñal do Barrio de las Flores, David Pujades, presentou esta mañá o cartel oficial dos festexos, que terán o seu núcleo principal na praza central do barrio e comezarán o venres ás 19.30 horas, coa lectura do pregón por parte de Cañita Brava.
Será a antesala dun dos pratos fortes da programación: o festival de música 'Urban Bloom', onde actuarán artistas e promesas da escena underground como o rapeiro madrileño Al Safir. Con el, Boby Drake, Joven Tensa & Kid Fisto, Rookah, Antía, Mark Adams, Tandub e DJ Hugo Mosquera. O festival dará comezo ás 20.00 horas.
O artista Alejandro Mosquera, autor do cadro que ilustra a Festa dos Maios
O calendario das festas continuará o venres 9 coa celebración da Festa dos Maios, que se prolongará todo o día con múltiples actuacións. Abrirá a xornada Aturuxo (10.00 horas) para abrir boca antes do xantar popular previsto ás 14.00 horas. O público familiar e os máis pequenos terán ocasión para disfrutar dos contacontos con Silvia Penide, Laura Rey e Natalia Navaza a partir das 16.00 horas, antes da elaboración dos maios (16.30 horas).
Xa a media tarde, ás 18.00 horas, Cántigas da Terra porá a nota musical antes de que DJ Misa (19.00 horas) abra camiño á noite de festa. Será con Mediarea (23.00 horas) e Rapariga DJ (00.30 horas).
Neste sentido, o cadro que acompaña o cartel oficial da Festa dos Maios é obra dun artista e veciño da zona, Alejandro Mosquera. Na presentación das festas que tivo lugar esta mañá, Gonzalo Castro puxo en valor o traballo de Mosquera, e convidou á cidadanía á exposición do cadro prevista o propio día 9, tamén na praza central do barrio. Será xa o domingo, día 10, co Mercado das Flores, cando se porá á venda.
O domingo 10, Mercado das Flores e concurso de tortillas
As festas do Barrio das Flores pecharanse este domingo, día 10. Será unha xornada chea de actividades como o xa tradicional Mercado das Flores, que comezará ás 11.00 horas na praza central do barrio, con máis de 80 postos comerciais xa confirmados e, ademais, música e gastronomía a esgalla.
Ás 11.00, alborada de gaiteiros, seguida por unha sesión deportiva de zumba na rúa (12.00), que abrirá camiño ao concurso de tortillas das 13.00 horas. Ás 13.30 horas, actuación de José Brea e Miguelón, festa dos callos (14.00) e actuacións xa de tarde con El Corta (15.00) e Ángel Montoya (17.00).
"O Goberno de Inés Rey entende estas festas como unha forma de poñer en valor e potenciar a identidade de cada barrio da Coruña, e seguiremos a traballar nesta liña", indicou o concelleiro de Cultura e Turismo. Gonzalo Castro subliñou hoxe que o Concello destinará este ano un total de 500.000 euros a 26 asociacións que organizan os festexos por distritos. É o segundo ano consecutivo no que o Concello aposta por un sistema de concorrencia competitiva para a asignación das subvencións.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible