17 de xullo de 2026
A alcaldesa, Inés Rey, visitou hoxe ás nenas e nenos durante as tarefas de pintado do mural, plantexado como actuación complementaria ás melloras que está a executar o Concello nos espazos exteriores do colexio
A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá ás 45 nenas e nenos que participan nos campacoles municipais, unha programación especial de verán promovida polo Concello co apoio da Federación de ANPAS, e que inclúe actividades ao aire libre en espazos como o patio exterior do CEIP Torre de Hércules, onde xa é visible un novo mural coordinado polo artista Manuel Suárez coa axuda da rapazada.
As pequenas e pequenos, inmersos estes días na iniciativa 'Quincena da arte', colaboraron co pintor coruñés na creación deste mural inspirado, precisamente, nun dos principais emblemas patrimoniais da cidade: a Torre. Suárez foi o encargado de trazar o deseño, e, posteriormente, as nenas e nenos completaron o seu pintado, unha iniciativa plantexada para estimular a creatividade das novas xeracións a través dunha actividade colectiva.
Esta acción, que complementa as melloras que está a executar o Concello nas bancadas exteriores do CEIP Torre de Hércules, enmárcase dentro das novas actividades que promove o Goberno municipal para achegar as nenas e nenos á educación, as artes e a cultura, aproveitando tamén para implicar a rapazada no coidado e mellora dos seus colexios.
"Os centros educativos son sinónimo de ensinanzas e aprendizaxe. Son espazos dinámicos, cheos de vida. E ese espírito tamén ten que ser visible nas infraestruturas dos propios colexios. É fundamental que os patios e as áreas de xogo, ao igual que as aulas, sexan núcleos de actividade onde as nenas e nenos vivan experiencias en positivo coma esta", indicou Rey, acompañada hoxe polo concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego.
O Torre de Hércules, un dos 25 colexios nos que o Concello fará melloras este verán
As melloras que está levando a cabo o Concello na bancada exterior do CEIP Torre de Hércules forman parte do medio cento de actuacións promovidas polo Executivo local en 25 centros educativos públicos da cidade nesta tempada estival.
Este medio cento de actuacións, formuladas para darlle resposta ás necesidades de colexios, centros de educación especial e escolas infantís municipais con vistas ao vindeiro curso, suporán un investimento de 720.000 euros, a executar nesta tempada estival.
No caso deste colexio do barrio de Monte Alto, a previsión dos servizos municipais é acometer tres medidas destacadas en materia de accesibilidade e seguridade: a substitución do portón da entrada, a colocación dun vídeo-porteiro e as xa mencionadas melloras da bancada do patio exterior, que aparellaron a creación deste mural colaborativo entre o artista Manuel Suárez e as nenas e nenos dos campacoles municipais.

10 de xullo de 2026

2 de xullo de 2026

26 de xuño de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible