Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de marzo de 2024

O ciclo ‘As mellores películas da historia’ chega ao ecuador da súa programación con ‘Ciudadano Kane’, que se proxectará o vindeiro xoves no Teatro Colón

Aínda hai pases dispoñibles para a sesión do día 14 (19.30 horas), na que haberá un coloquio aberto ao público con Esteve Riambau, director da Filmoteca de Catalunya

O Teatro Colón abrirá as súas portas o vindeiro xoves 14 (19.30 horas) á terceira das proxeccións previstas no ciclo 'As mellores películas da historia', que chega ao seu ecuador coa ópera prima do cineasta Orson Welles, 'Ciudadano Kane'.

A película narra, mediante un grandioso flashback, a vida do magnate Charles Foster Kane, interpretado polo propio Orson Welles. A longametraxe foi considerada durante décadas como a mellor e máis revolucionaria película da historia do cinema pola súa sabia utilización da linguaxe cinematográfica, a súa creatividade e a forza das súas imaxes.

Cómpre lembrar que o público asistente á sesión da semana que vén poderá gozar desta longametraxe, a número 3 na listaxe das cen mellores películas da prestixiosa publicación británica Sight & Sound, nun formato en 35 mm. 

Ademais, e como xa foi habitual desde o inicio do ciclo, a proxección irá seguida dun coloquio aberto ás preguntas das persoas asistentes, no que o coordinador do programa, Javier Trigales, acompañará a un convidado moi especial: Esteve Riambau, director da Filmoteca de Catalunya, profesor de comunicación audiovisual na Universidade de Barcelona e experto na obra cinematográfica de Orson Welles, ao que dedicou varios libros e ensaios.

Aínda quedan entradas á venda a través da páxina web de Ataquilla e tamén no despacho de billetes do IMCE na praza de Ourense, así como no propio teatro o mesmo día de proxección, sempre e cando haxa pases dispoñibles.

Outras tres proxeccións neste primeiro semestre de ano

A programación do ciclo 'As mellores películas da historia', impulsado polo Goberno de Inés Rey, comezou o pasado mes de xaneiro, coa proxección da longametraxe 'El apartamento', de Billy Wilder. Xa a mediados de febreiro recuperouse en 35 mm. 'Al final de la escapada', do francés Jean-Luc Godard.

Neste sentido, tras 'Ciudadano Kane' haberá outras tres datas máis de proxección no Teatro Colón. O calendario continuará o 11 de abril con 'El piano', de Jane Campion. A convidada neste caso será Jaione Camborda, cineasta que fixo historia recentemente no festival de San Sebastián, onde gañou a Cuncha de Ouro por 'O Corno', película gravada en galego.

O 23 de maio proxectarase a gran película do suspense: 'Psicosis', de Alfred Hitchcock. O convidado especial será Paco Plaza, autor dalgunhas das grandes obras nacionais de terror do século XXI. Por último, e xa o 13 de xuño, pecharase o ciclo dun xeito moi especial, con 'El espíritu de la colmena', de Víctor Erice. Na clausura está previsto contar co propio cineasta ou coa actriz Ana Torrent.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión