Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de febreiro de 2024

Últimas entradas á venda para a proxección de ‘Al final de la escapada’ no Teatro Colón, con Paulino Viota como convidado ao coloquio sobre Godard

O ciclo de cinema clásico ‘As mellores películas da historia’, promovido polo Concello, volve este xoves 15 (19.30) cunha das longametraxes icónicas da “nouvelle vague” francesa

O ciclo de cinema clásico 'As mellores películas da historia' volve este xoves 15 (19.30 horas) ao Teatro Colón, nunha sesión na que se recuperará unha das obras maestras do director francés Jean-Luc Godard, 'Al final de la escapada', baixo un formato moi especial: en 35 mm. e en versión orixinal con subtítulos.

Trátase dunha das longametraxes máis icónicas da "nouvelle vague" francesa, unha onda que mudou as linguaxes e formas de facer cinema na segunda metade do século XX. É, ademais, o título que lle brindou recoñecemento tanto a Godard como aos grandes protagonistas da obra, Jean-Paul Belmondo e Jean Seberg.

Posicionada como a 38ª na listaxe das cen mellores películas por parte da prestixiosa publicación británica Sight & Sound, 'Al final de la escapada' (1959) recolle a historia dun delincuente de pouca monta que vive un curto e electrizante episodio de amor cunha moza de familia burguesa. En paralelo, a policía segue os seus pasos.

Desta forma, coa continuidade deste ciclo que se estenderá ata o mes de xuño, o Goberno de Inés Rey amosa a súa aposta e compromiso coa cidade para reforzar a súa posición como capital cultural galega no eido da sétima arte.

O cineasta Paulino Viota será o convidado especial do coloquio posterior á película

O ciclo 'As mellores películas da historia' tamén inclúe charlas divulgativas tras as proxeccións, formuladas nun formato aberto á interacción co público, que poderá debater e compartir impresións con recoñecidos persoeiros do eido cultural, cinematográfico, xornalístico e literario.

Desta forma, este xoves, as persoas asistentes poderán gozar cun coloquio no que formarán parte o coordinador do ciclo, Javier Trigales, e o cineasta e escritor cántabro Paulino Viota, unha figura fundamental do cine español.

Viota, autor dunha curta mais extraordinaria obra cinematográfica, é tamén un estudoso da figura de Godard, así como un especialista sobre a súa traxectoria profesional. Neste contexto, no ano 2022 publicou o libro "Jean-Luc Godard: 60 años insumiso".

Últimas entradas á venda

As últimas entradas para asistir á proxección e coloquio deste xoves 15 no Teatro Colón pódense adquirir a través da páxina web de Ataquilla e tamén no despacho de billetes do IMCE na praza de Ourense, así como no propio teatro o mesmo día da proxección, sempre e cando haxa pases dispoñibles.

Outras catro proxeccións neste primeiro semestre de ano

A programación do ciclo 'As mellores películas da historia' comezou o pasado mes de xaneiro, coa proxección da longametraxe 'El apartamento', de Billy Wilder. Tras esta primeira quenda, e a segunda prevista este xoves 15 de febreiro, haberá outras catro datas máis de proxección no Teatro Colón.

O calendario de proxeccións continuará o 14 de marzo coa terceira mellor película da historia segundo o ránking de Sight & Sound: 'Ciudadano Kane', de Orson Welles. Estará presente outro experto sobre o creador da película: o director da Filmoteca de Catalunya, Esteve Riambau. 

Xa o 11 de abril será a quenda de 'El piano', de Jane Campion. A convidada neste caso será Jaione Camborda, cineasta que fixo historia recentemente no festival de San Sebastián, onde gañou a Cuncha de Ouro por 'O Corno', película gravada en galego.

O 23 de maio proxectarase a gran película do suspense: 'Psicosis', de Alfred Hitchcock. O convidado especial será Paco Plaza, autor dalgunhas das grandes obras nacionais de terror do século XXI. Por último, e xa o 13 de xuño, pecharase o ciclo dun xeito moi especial, con 'El espíritu de la colmena', de Víctor Erice. Na clausura está previsto contar co propio cineasta ou coa actriz Ana Torrent.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión