16 de xullo de 2015
Os novos abonos poderán adquirirse o 3 e 4 de setembro, e a partir do día 7 estarán dispoñibles as entradas soltas.
O concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou este xoves o Ciclo Principal de Outono do Teatro Rosalía, que entre o 18 de setembro e o 19 de decembro subirá a escena dez obras teatrais cargadas de “primeiras espadas”, segundo salientou o director do Rosalía, Paulo Rodríguez, tamén presente no acto. Blanca Portillo, Roberto Álamo, Sergio Peris-Mencheta, Concha Velasco ou Lolita Flores son algúns dos intérpretes, nun programa “que tenta buscar o equilibro entre artistas noveis e consagrados, directores, directoras, estilos e formatos”, segundo indicou Rodríguez.
O ciclo arranca a fin de semana do 17 e 18 de setembro coa obra Olivia y Eugenio, un espectáculo de José Carlos Plaza interpretado por Hugo Aritmendiz e Concha Velasco. A actriz tivo que suspender a súa actuación anterior no Rosalía e regresa cunha obra chea de tenrura, na que se reflexiona sobre a diversidade, aquilo que é normal e as esquinas da realidade.
En Edipo, a Compañía do Chapitô reconstrúe o clásico en clave de comedia (os días 9 e 10 de outubro), nunha versión sen escenografía nin luces, tratada practicamente desde o xesto e a interpretación dos actores Jorge Cruz, Nadia Santos e Tiago Viegas.
O 23 e 24 de outubro chega La sesión final de Freud, da Fundación UNIR (Universidad Internacional de La Rioja), unha obra cargada de humor e ironía que recrea a última conversa de Freud con Clive Staples Lewis poucos días antes da súa morte. A última fin de semana de outubro (días 30 e 31) sobe a escena unha das propostas galegas do ciclo, a da compañía Ilmaquinario Teatro, que presenta a súa segunda produción, Perplexo, unha comedia de enredo dirixida por unha das promesas da dirección española, Tito Asorey.
Coma un “peso pesado” cualifica o director do Rosalía a obra que ocupa os días 6 e 7 de novembro. Trátase de El Testamento de María, un monólogo interpretado de forma “maxistral” por Blanca Portillo baixo a dirección de Agustí Villaronga, onde se humaniza a figura de María de Nazaret. Os días 20 e 21 son para outra proposta galega, Pequenas certezas, de Sarabela Teatro, dirixida pola xa consagrada Ánxeles Cuña Bóveda.
Teatro Español presenta, os días 27 e 28 de novembro, La plaza del diamante, un monólogo cheo de matices e emocións no que a actriz Lolita Flores se mete na pel de “La Colometa” para facer unha crónica da Barcelona da posguerra. La Piedra Oscura, de Alberto Conejero, serve de reflexión sobre a memoria como espazo para a xustiza e presenta unha historia sobre a preservación do legado literario, o de Federico García Lorca, como unha extensión do amor. Estará no Rosalía os días 11 e 12 de decembro, co novo e prometedor Pablo Messiez na dirección.
Pecha a programación do abono, os días 18 e 19 de decembro, a produción Lluvia Constante, con dous grandes da interpretación como son Roberto Álamo e Sergio Peris-Mencheta, baixo a dirección de David Serrano.
O ciclo confórmano nove obras que se integran no abono e ás que se engade, o sábado 3 de outubro, unha décima, o espectáculo La Gloria de mi Mare, unha rara avis que mestura interpretación co cante, a interpretación de guitarra no escenario e o baile, da man da artista principal, Asunción Pérez, “La Choni”.
O prazo para a renovación de abonos abrirase o 20 de xullo e seguirá ata o 1 de setembro (ambos incluídos), no despacho de billetes da praza de Ourense, de luns a venres en horario de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas, ou no servizo de televenda (902 504 500) e a plataforma on-line. Cada abonado terá reservada a localidade que ocupou no ciclo na tempada de primavera 2015, a condición de que manteña o mesmo tipo de abono. Os abonados interesados en cambiar de asento, de localidade ou de día deberán proceder á súa renovación nos días e horarios establecidos, podendo optar só ás localidades non ocupadas por outros abonados. Para acceder ás localidades que deixen libres os abonados que non renoven, os interesados deberán acudir ao despacho de praza de Ourense o día 2 de setembro.
O prazo para novos abonados irá do 3 ao 4 de setembro, e a partir do día 7 estarán dispoñibles as entradas soltas para a venda.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible