Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de maio de 2025

O clarinetista Juan Ferrer, convidado especial da Banda Municipal no seu concerto de fin de tempada, que terá lugar este domingo no Teatro Colón

A actuación, que será aberta ao público ata completar a capacidade prevista, recollerá ecos de Giuseppe Verdi e tamén un poema sinfónico do coruñés León Durán sobre ‘Bodas de sangre’, a traxedia de Lorca

O Teatro Colón abrirá as súas portas este domingo 25 a unha actuación moi especial: a clausura da temporada da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), que pecha o seu calendario de primavera antes de volver, proximamente, ao seu ciclo de concertos a pé de rúa, xa na tempada estival.

Neste sentido, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, convidou a cidadanía a desfrutar ao máximo do concerto desta fin de semana, "que xa por ser de clausura ten un compoñente festivo, mais que tamén fará as delicias do público polo variado da súa programación, na que contaremos con Juan Ferrer, clarinetista da Sinfónica de Galicia, como solista".

Ferrer, formado na Banda Municipal, será o gran protagonista do primeiro bloque do concerto, no que se interpretarán dúas pezas de Michele Mangani, inspiradas en Verdi e tamén en bailes e danzas centroamericanas, con ecos de Cuba, Perú e Brasil. "Serán composicións máis desenfadadas nas que, ademais, poderemos ver o talento de Juan Ferrer, no contexto desta irmandade institucional que hai entre a OSG e a BMMC", precisou o director titular da Banda, Juan Miguel Romero Llopis.

Xa na segunda parte, a agrupación interpretará un poema sinfónico do coruñés León Durán, "un compositor novo mais que, como o prodixio que é, xa está consagrado e está a experimentar unha progresión brutal", apuntou Llopis. No concerto deste domingo, a BMMC versionará este poema baseado na traxedia 'Bodas de sangre', de Federico García Lorca e musicalizará a trama.

Como xa é habitual, a actuación deste domingo 25 (12.15 horas) será aberta á cidadanía, ata completar a capacidade prevista no Teatro Colón.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión