13 de abril de 2016
O novo trimestre do ciclo, que arrincará o luns 18, propón até o mes de xuño recitais de poesía galega, irlandesa, arxentina e persa
O Pazo de María Pita acolleu esta mañá a presentación do novo trimestre de Poetas Di(n)versos, o ciclo estable de poesía internacional que acolle o auditorio do centro Ágora e que arrincará o vindeiro luns, 18 de abril, coa presenza de Isaac Xubín e Lorna Saughnessy. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, puxo en valor o carácter internacional do ciclo, que supón “unha viaxe” a través das linguas de todo o mundo, “pero que tamén conta con poetas máis próximos de Galicia”. Con esta proposta, o ciclo pecha unha sétima tempada multidisciplinar na que estiveron presentes voces de distintos puntos de Galicia e de todo o Estado, ademiais de Australia, Brasil, Irán, Polonia, ou Romanía.
O edil estivo acompañado na presentación pola directora do ciclo, a escritora Yolanda Castaño, quen salientou o carácter “temático” de cada unha das citas deste último trimestre, “xa que cada unha recolle o espírito de diferentes pobos”. A primeira cita “será unha sesión chea de sabor celta”, sinalou Castaño, ao participar o coruñés Isaac Xubín e Lorna Saughnessy, de Belfast. “O fío condutor entre ambos é a tradución literaria, mentres que el é o principal tradutor do éuscaro ao galego, ela é da obra de Manuel Rivas ao inglés”. No seu recital, Xubín estará acompañado pola música dun whistle, unha frauta irlandesa, mentres que os textos de Saughennssy contarán coa tradución ao galego de David Salgado.
A seguinte sesión, que terá lugar o 30 de maio, contará con “voces de expatriados que se seguen a expresar nos seus idiomas de orixe”, segundo Castaño, coa poesía galega da dezá Luz Pichel e a persa do iraní Mohsen Emadi.
Finalmente, o 13 de xuño será o terceiro e último recital da tempada, “coa Latinomérica austral”, especificou a directora do ciclo, coma eixo en común a través voces de Mercedes Roffé e Eduardo Estévez, ambos de Bos Aires e que escriben en castelán e en galego respectivamente. Mentres que Roffé, que reside en Nova York, “é unha das autoras consagradas da literatura latinoamericana contemporánea”, expuso Castaño, Estévez, que vive no Val do Maía, “é un dos autores máis salientables da Xeración dos 90 en Galicia”.
Todas as citas, de entrada libre e gratuíta, serán ás 20.30 horas no auditorio do espazo municipal e, como vén sendo habitual, en cada sesión poderán adquirirse exemplares dos libros das e dos poetas convidados.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible