26 de maio de 2026
A iniciativa ofrecerá durante os meses de xullo e agosto cursos e actividades náuticas para toda a cidadanía
O Concello da Coruña abrirá mañá, mércores 27 de maio, o prazo de inscrición no programa municipal "Coruña no Mar 2026", unha iniciativa que volverá achegar o mar á cidadanía a través de cursos e actividades acuáticas deportivas durante os meses de xullo e agosto.
Tras o éxito acadado nas edicións anteriores, celebradas entre 2021 e 2025, o Goberno municipal impulsa unha nova convocatoria deste programa, que ten como obxectivo fomentar a práctica deportiva no medio mariño e favorecer que a veciñanza se desenvolva nun contorno tan ligado á identidade da cidade como é o mar.
O programa procura ofrecer oportunidades de aprendizaxe e lecer vinculadas ao litoral coruñés, aproveitando o potencial das infraestruturas e entidades deportivas da cidade para achegar o deporte náutico á cidadanía.
"A Coruña ten no mar unha das súas principais sinais de identidade e este programa permite que a cidadanía, especialmente a xente máis nova, poida achegarse ao deporte náutico dunha forma accesible, segura e vinculada ao noso entorno", sinalou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. "Queremos seguir consolidando Coruña no Mar como unha oportunidade para descubrir e desfrutar do litoral coruñés a través da actividade física e dos hábitos saudables", engadiu.
A convocatoria está dirixida a toda a cidadanía, atendendo ás diferentes franxas de idade e ás prazas dispoñibles en cada actividade. Como requisitos, as persoas participantes deberán saber nadar un mínimo de 25 metros sen material auxiliar e cumprir coa idade mínima establecida para cada curso, referida á idade que teñan a 31 de decembro de 2026.
O prazo de solicitude permanecerá aberto desde mañá, 27 de maio, ata o día 31 ás 23.59 horas. A listaxe provisional de solicitantes publicarase o 2 de xuño a partir das 15.00 horas e o sorteo público de prazas celebrarase o 8 de xuño ás 12.30 horas. A formalización da matrícula terá lugar entre o 12 e o 18 de xuño, tanto de forma presencial no Palacio dos Deportes de Riazor como a través da plataforma CronosWeb.
As persoas empadroadas no Concello da Coruña terán preferencia na asignación de prazas. Ademais, mantense a posibilidade de realizar solicitudes familiares para facilitar a conciliación.
Os cursos semanais, de luns a venres, terán un custo de 8,74 euros para menores de 18 anos e de 10,92 euros para persoas adultas. No caso dos bautismos no mar, actividades puntuais dun día, o prezo será de 8,73 euros.
O formulario de solicitude estará dispoñible a partir de mañá na páxina web municipal.
Ao final desta páxina poderá descargarse tamén o documento completo coas bases reguladoras do programa "Coruña no Mar 2026".
Descarga aquí as bases reguladoras de Coruña no Mar 2026 (430 KB)

25 de maio de 2026

24 de maio de 2026

23 de maio de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible