Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de novembro de 2025

O Concello abre mañá o prazo de inscrición para os campamentos deportivos de Nadal

O programa ofrece 144 prazas para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, con dúas quendas durante as vacacións escolares e cun prezo reducido para as familias con menos recursos

O Concello da Coruña abrirá mañá, venres 14 de novembro, o prazo de preinscrición para participar nos Campamentos Deportivos do Nadal 2025-2026, unha iniciativa impulsada pola Concellaría de Deportes co obxectivo de promover hábitos de vida saudables entre a infancia e que forma parte das políticas para fomentar a conciliación postas en práctica polo Goberno de Inés Rey. 

A actividade está dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, nados/as entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2019. Terán preferencia aquelas persoas empadroadas no termo municipal da Coruña.

Ofértanse un total de 144 prazas, organizadas en dúas quendas de 72 prazas cada unha:

  • 1ª quenda: 22, 23, 24 e 26 de decembro de 2025
  • 2ª quenda: 29, 30, 31 de decembro de 2025 e 2 de xaneiro de 2026

As actividades desenvolveranse na Cidade Deportiva de Riazor e incluirán disciplinas como atletismo, loita, defensa persoal, bádminton, xadrez, xogos acuáticos e actividades ao aire libre ou na natureza, entre outras.

O horario xeral será de 09.00 a 14.00 horas, aínda que se ofrece un horario ampliado de conciliación, con entrada desde as 08.30 horas e saída ata as 14.30 horas, sen custo engadido.

O proceso de solicitude consta de dúas fases diferenciadas:

  • PREINSCRICIÓN
    • As familias deberán cubrir un formulario web dispoñible en Deportes Coruña
    • O prazo estará aberto do 14 ao 18 de novembro de 2025, ata as 23.59 h
    • Só se admitirá esta vía: non se aceptan solicitudes por correo, teléfono nin presencialmente nesta fase
    • No formulario, as persoas titoras poderán indicar a orde de preferencia das dúas quendas
  • FORMALIZACIÓN DA MATRÍCULA
    • Unha vez rematado o proceso de preinscrición, publicarase a listaxe de prazas adxudicadas
    • As persoas que obteñan praza deberán formalizar a matrícula entre o 27 de novembro e o 3 de decembro
    • Esta matrícula poderá realizarse:
      • En liña, a través da plataforma CronosWeb 
      • Presencialmente, na caixa do Palacio dos Deportes de Riazor (con cita previa preferentemente)

A matrícula require o pago da taxa e a entrega da documentación obrigatoria. Quen non formalice a inscrición no prazo establecido perderá a praza, que será asignada a través da lista de agarda.

A taxa por participar nunha quenda do campamento é de 35,04 euros por menor. As familias con rendas inferiores ao IPREM anual poderán beneficiarse dunha bonificación do 50 %, segundo a ordenanza fiscal municipal.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou o valor social da iniciativa: "Estes campamentos non só favorecen o acceso ao deporte desde idades temperás, senón que tamén permiten ás familias organizarse mellor durante os días non lectivos. É unha resposta concreta ás necesidades reais da veciñanza".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión