Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de agosto de 2017

O Concello acomete a mellora da Rosaleda, uns traballos que contan cun investimento superior aos 80.000 euros e inclúen a plantación de máis de 3.700 roseiras

As actuacións, para as que hoxe se iniciaron os labores previos, comezarán a próxima semana, de cara a optimizar o uso desta zona verde por parte da cidadanía, e teñen un prazo de catro semanas

A Concellería de Medio Ambiente iniciará a vindeira semana as actuacións de mellora e acondicionamento do xardín da Rosaleda, en Méndez Núñez, uns traballos orzamentados en 81.544 euros e que, como sinala a concelleira desta área, María García, van dirixidos a optimizar as condicións desta zona verde para facilitar o seu uso por parte da cidadanía, incrementando ademais a densidade de roseiras. En concreto, o proxecto -para o que esta mesma mañá comezaron os traballos previos- contempla a plantación de 3.709 exemplares de distintas tipoloxías, elixidas en función das súas calidades botánicas e súa resistencia a enfermidades, e inclúe igualmente a limpeza dos macizos perimetrais, nos que se seleccionarán as roseiras que se atopen en bo estado, sendo o resto substituídas, e a reposición das roseiras trepadoras que falten. De igual xeito, plantaranse novos macizos perimetrais, completaranse os macizos circulares centrais de cada parterre e procederase a plantar o central norte.

A intervención, que ten un prazo estimado de catro semanas, recolle tamén actuacións sobre o pavimento da  praza central e dos oito viais radiais peonís e os dos dous periféricos, que se sanearán de forma superficial, para engadir unha nova base, cunha capa de pavimento terrizo con alta capacidade de compactación e unha capa superior cun acabado similar ao actual. Os traballos implicarán tamén a limpeza e repintado dos bordos, retirada de ferros e cableado de peche, así como das papeleiras, e a substitución do mobiliario deteriorado. No curso destes labores realizarase tamén unha nova colocación do rego, para evitar mollar os camiños e as plantas perimetrais, e se procederá a cubrir con codia de pino os oito alcorques das palmeiras deste espazo.

O proxecto de mellora da Rosaleda forma parte, como recorda a responsable municipal de Medio Ambiente, das melloras previstas polo Concello para este ano nas zonas verdes da cidade, que se acometen dentro do contrato de mantemento de parques e xardíns e que teñen un investimento previsto de 1,7 millóns de euros, "dentro das políticas de recuperación da natureza urbana e do coidado dos espazos verdes xa existentes". Como tamén fai notar, os traballos de mellora vexetal virán acompañados doutras actuacións para a reparación de elementos coma os aspersores, as tapas de arqueta deterioradas ou a pintura, ancorado e reposición de bancos.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión